Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A definición definitiva de Suso do Bahía

lunes, 08 de agosto de 2022
A persoa humana ocupa o decurso da súa vida definíndose. Vivimos nunha indiscutible provisionalidade; pero a morte lánzanos a unha definición definitiva. Os que experimentamos este proceso nun amigo, afanámonos en desvelar o noso sentimento de dor resaltando o agradecemento do mellor que nos foi deixando, na súa convivencia, desa final definición.

Sinceramente, os meus son modestos, mais non quixera renunciar a ofrecelos como evidencias das relacións con ese gran amigo que foi Jesús Fernández, Suso do Bahía, recentemente falecido, a quen non puiden acompañar persoalmente nos últimos momentos da súa existencia material neste mundo, por enfermidade da miña muller.

A explosión afectiva, non obstante, nas primeiras horas de duelo non son para ningún amigo fuxitivas emocións, senón a resposta complementaria das nosas estruturas da realidade persoal de cada un de nosoutros á un arraigado sentimento de agradecemento á entrega aos demais, que perdurará, sen dúbida, solapado no noso subconsciente, como un elemento constitutivo da definición definitiva acadada por Suso.

A súa lúcida capacidade de situarse nos contextos problemáticos permítelle elixir as adecuadas preferencias mediante as súas actitudes definitorias, que xustifican o lexítimo orgullo dos familiares por ter compartido tan intimamente a vida dun membro con esa excelente proxección social, froito do seu empeño catalizador de toda clase de actividades culturais.

A súa admirable e entregada esposa, Marita, digna de ser acompañada estes días no sentimento de dolor, que soporta no máis íntimo dunha personalidade pletórica de proveitosas experiencias de como sacrificar a vida propia ao servizo da allea, podería testemuñarnos como a vida de Suso estivo consagrada a vencer as humillacións de toda índole, sen reparar nos sacrificios que lle impoñían estas actitudes, administrando o grao de dozura e ardentía que consideraba apropiado.

Penso que todos os que tivemos relacións con Suso, experimentamos que éramos, en certo modo, a prolongación do seu propio ambiente familiar, o que tamén nos dispón a sentir en profundidade o que nos afecta a súa ausencia, incluso na nebulosa existencia dunha ancianidade xeradora dese estado de indiferenza que nos conduce a non poucos desagradecementos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES