Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A silveira de Kiko Da Silva

jueves, 04 de agosto de 2022
A silveira de Kiko Da Silva, unha selección do humor gráfico publicado na prensa, en edición de Retranca.

Kiko da Silva é ese artista e dinamizador educativo e cultural que de non existir o noso mundo sería moito máis pobre. Non para, iniciativa tras iniciativa vai creando humus e A silveira de Kiko Da Silvainfraestruturas que van dende o fanzine e colectivo BdeBanda, o mesmo selo dentro da editorial Kalandraka, a revista trimestral de humor Retranca, a revista A Viñeta de Schödinger, a editora Retranca ou a Escola Profesional de Ilustración e Banda Deseñada O Garaxe Hermético.

Todo un proxecto de proxectos ao redor da edición, da educación, do humor e do cómic. Todo un artífice xogando con ideas marabillosas enBdeBanda ou Retranca. Todo un creador que, ademais de traballar el, vai dando cartas para que o fagan os demais, vai creando posibilidades para que outros publiquen, para que se formen, para que o país vaia dando algo máis de si, para que a cultura sexa unha leira produtiva... Canto lle debemos a Kiko!

Ás veces, mentres vai mostrando o dos demais corremos o risco de esquecer as súas propias obras, a súa participación en rexistros varios coma en Fiz (ese neno tan porquiño que comezou a súa andaina en Golfiño), as súas ilustracións de libros infantís e incluso creación de texto e imaxes (Moncho e a mancha, Que contan as ovellas para durmir?...), novelas gráficas como O inferno do debuxante coa que acadou o premio Castelao da Deputación da Coruña ou Baixo a sombra das pedras flotantes e traballos didácticos como Aprende banda deseñada con Fiz.

Como Manuel Antonio, el podería facer súa a frase "Máis alá" pois sempre anda buscando qué máis portas pode abrir a partir de cada pórtico, así, non conforme coa Escola O Garaxe Hermético, crea un premio, e non conforme con iso, consegue publicado, para o que busca a colaboración de Xerais, e xa apareceronA proba da auga e Nerea, o príncipe da sorte.

En A silveira, Kiko recolle o humor gráfico co que nos esperta cada día. Unha viñeta humorística que nos golpea de forma contundente, máis alá dun artigo de opinión, pois nestes tempos de “éticas líquidas, purezas esixidas e hipersensibilidades agresivas” ás que se refire Miguelanxo Prado no prólogo, Kiko móstranos o seu punto de vista sobre a actualidade para axudarnos a caer na conta do que se anda a cocer.

Miguelanxo Prado, ese outro artista de primeiro nivel e de xenerosidade máxima (que colabora con Kiko sempre que lle é posible), analiza así este novo traballo co seu estilo característico: "Kiko decide prescindir de todos os rexistros estilísticos que lle coñecía ata entón, e procura unha nova vía, máis realista, máis xornalística. Pero, para min, o máis inesperado, amosa, ademais, unha forma de humor que non lle coñecía (...) E coñecía ben as súas querenzas e os seus modos, especialmente no campo da parodia. Pero nunha única viñeta non hai desenvolvemento posible, e os contidos textuais rematan tendo tanta forza e importancia coma os visuais, e son outros os mecanismos que entran en función. O xogo coa linguaxe é constante, o dobre sentido, a ironía, o equívoco intencionado... A interacción entre texto e imaxe, unha veces reforzándose, outras xogando por oposición ou por contraste...".

Por iso, este libro de tapa dura e de formato cadrado vén sendo un volume contundente e non só polo peso físico senón tamén polo outro, por esa carga de intelixencia e verdade descorrida, de crítica que busca espertar conciencias.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES