Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A luminosidade de 'O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento'

jueves, 04 de agosto de 2022
Cantos nos interesamos polo devir da nosa lingua, a lingua que nos é propia, é dicir, a galega, podemos dicir con non pouca satisfacción que nos atopamos ante unha obra, a de Carlos Callón, O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento" (Vigo, Xerais de Galicia, 2022), que seguramente se considerará, xa dende agora e co andar do tempo, en obra de referencia, tanto polo seu contido como pola mesma interna organización dos materiais nela incluídos.
A luminosidade de 'O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento'
Recuperamos así nela unha boa parte da esquecida memoria de nós mesmos, os pacientes dunha historia que outros arteira e violentamente nos impuxeron para maior gloria e honor da medrada apreciación que eles tiñan verbo de si mesmos e da súa propia lingua. Tan "medrada" que non lles semellaba aturábel que á súa beira puidesen existir outras linguas con igual dignidade ca a deles e as que eles deberían xa que logo apreciar e respectar. E digo "boa parte" da esquecida memoria porque, aínda tendo en conta a multitude de testemuños e documentación presentados neste escrito, seguramente irán xurdindo aínda máis datos e informacións sobre historias e acontecementos semellantes.

Porén, a pesar da rechamante negrura que impregna as pastas exteriores do libro, a xeito case de catafalco, non pensemos apresuradamente que os acontecementos nel contidos son xa cousa definitivamente enterrada para sempre, pois a estulticia e a fachenda humanas son quen de reaparecer en calquera momento da historia se non nos sabemos defender coma cómpre contra elas.

A obra -que a pesar da gravidade dos feitos está ó tempo escrita con graza e paixón- está organizada en canto ó seu contido en orde cronolóxica segundo as diversas epígrafes que, a xeito de capítulo ou título interno, anuncian brevemente o contido das mesmas. A todas elas precédelles a data cronolóxica concreta (alomenos aproximada) na que os feitos nelas comentados ocorreron. Desde a data do 28 de maio de 1480 a primeira ata a do 26 de xuño de 1986 da última epígrafe. Un amplo espazo temporal analizado nas abondosas 767 páxinas de que consta a obra. Se mal non contei, son 507 as epígrafes correspondentes ós diversos casos de violencia exercida contra a lingua galega, contra o seu uso, defensa, exercicio, etc. ó longo dese tempo. Casos de moi diversa orixe, procedentes de instancias políticas ou oficiais, militares, educativas, relixiosas ou eclesiásticas, sociais etc. Un excelente vademécum, pois, que resulta ó tempo ser ademais recuperación da dignidade de tantas persoas que ó longo da historia sufriron crítica, agravios e persecución polo uso natural e inalienábel da propia lingua, o galego.

Callón, polo demais, non se limita a presentar asepticamente a pertinente A luminosidade de 'O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento'documentación senón que a acompaña co seu lúcido e constante comentario, de xeito que o lector se sente así en todo momento sabiamente guiado na lectura.

Pra que o dito ata aquí non fique excesivamente abstracto, ousarei, a modo de exemplo e pra a conveniente información do lector, aducir un só texto (enteiro e en letra cursiva), por máis que seguramente sexa un dos máis breves, dun dos epígrafes (tal como pode ser lido directamente en p. 232-233):

1890-1900 (ca.)

O pai interna o fillo nun colexio para evitar que fale galego

A historia cóntaa Lois Porteiro Garea en 1918, cando coñece un home no balneario de Caldas que lle relata partes da súa infancia. As datas que colocamos son, pois, só aproximativas.

O señor, chamado Roxelio, nárralle que ficou orfo de nai e que seu pai era capitán, polo que estaba decote a navegar e el ficou ao coidado da súa avoa. Nunha visita que lle fixo á Coruña cando o pequeno tiña cinco anos, os amigos do proxenitor preguntáronlle:

-Niño, ¿cuántos años tienes?
- Téñolle cinco.
-¡Ya habla gallego! Ja, ja, ja... quien se lo educa a V.?

(Porteiro Garea, 1918)

O pai ficou con vergoña. Despois, levouno a xantar e, como o rapaz comía con gana, díxolle:

-Que, estás contento: te gusta?
-Hai si señor. Sabe que gorenta.

(Porteiro Garea, 1918)

A resposta da contorna foi rirse do pequeno. O seu pai mandou entón metelo interno nunha escola de Santiago "porque nin falar sabía".

Pola súa parte, pon Callón ben de relevo que a crítica (e persecución) do uso do galego vén sendo unha constante desde a intromisión de Castela no antigo reino de Galicia, sendo exercida por moi diversos personaxes e instancias, non cinguíndose ela polo tanto a épocas concretas ou máis recentes coma, por exemplo, a do franquismo etc.

Cómpre indicar tamén a este respecto que entre os críticos do uso do galego, tal como nolo recorda Callón, non deixan de aparecer personaxes desde outro punto de vista encomiábeis como poden ser por exemplo Unamuno (p. 17, 283-286, 295, 300-301, 322) ou Américo Castro (322-324, 489-490). Só cabe comentar a este respecto que tamén os xenios poden cometer erros, por puntuais que estes fosen...

Callón rematará a súa valiosa e extensa publicación cun curto epílogo que reza así: "Isto non é un epílogo". Vai oportunamente encabezado co seguinte texto de Murguía: "E que teñan en conta que canto máis sufridos fomos, máis dereito temos a non seguir sufrindo". Aduzo seguidamente algúns parágrafos deste luminoso epílogo:

"Sentimos que o labor de pesquisa que desembocou nas páxinas precedentes pode ser útil para a sociedade. Porque un país con futuro necesita coñecer a súa Historia, e esa Historia non está completa se non explica o que levou a que un dos eixos da colectividade, da nación, estea en perigo [...] Ninguén pode desmentir a crúa hemorraxia de falantes nin que no ano 2022 perduran vetos que non deberían ser propios destes tempos. O galego, do mesmo xeito que outras linguas que estiveron en risco, pode deixar de estalo se se tomaren as medidas para iso [...] O futuro do galego, o futuro da Galiza, como todos os futuros, vive en nós. Isto é, vive en ti, que te achegaches a estas páxinas co desexo de que non haxa que escribir máis libros coma este" (p. 733-734).

Finalmente, pola miña parte e coa venia do autor desta obra, aludirei a algunhas vivencias persoais propias, en boa parte recollidas por min noutros escritos propios, que van en liña (así alomenos mo parece) con tantas outras recollidas por el.

Cando o meu tío Xosé Manuel Cabada Vázquez (un dos fundadores do Partido Galeguista en Pontevedra a finais do ano 1931) volve no curso 1927-28 á Universidade Pontificia de Santiago, despois de catro longos anos de ausencia, ten el moi claro que a súa promoción da lingua galega debería estenderse tamén ó interior da propia institución eclesiástica. O que di o seu amigo e admirador Antonio Rodríguez Fraiz (alumno do Seminario de Santiago, posterior a Cabada Vázquez, ó que chegou aínda a coñecer no mesmo Seminario), nado na Terra de Montes, en Santa Mariña de Tomonde (Cerdedo), sobre a situación durante os seus estudios no Seminario pode sen dúbida ser aplicado tamén á época, algo anterior, do estudante Cabada Vázquez nado en Codeseda, parroquia limítrofe coa Terra de Montes: "A fala no Seminario foi para min -dinos el na entrevista (en Xesús Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, un crego do noso pobo: "Encrucillada", nº 92, marzo-abril 1995, p. 150-151) que se lle fixo e foi publicada no mesmo ano do seu pasamento- un verdadeiro trauma. Eu non tiña outra lingua -e coma min os da Terra de Montes- cá galega, que no Seminario era unha lingua proscrita: a lingua dos aldeáns e atrasados [...] Os que procediamos da Terra de Montes, de fala exclusivamente galega e nula ou case nula escola, fómo-los que padecemos máis aquel status inquisitivo e discriminatorio, case que soamente pola lingua".

Neste contexto debeu de ser para o entón aínda mozo Rodríguez Fraiz (quince anos de idade) unha forte experiencia liberadora presenciar Cabada Vázquez recitando nun importante acto público na Universidade Pontificia o seu propio poema Na fala meiga (que o seu autor incluiría pouco despois no seu poemario Vagalumes). Este acto leva como título "Velada que la Universidad Pontificia Compostelana dedica al nuevo Arzobispo de Santiago Excmo. y Revmo. Señor Dr. D. Fray Zacarías Martínez Núñez el día 17 de Mayo de 1928 a las siete de la tarde".

De entre tódalas actuacións (catorce en total) daquela velada en homenaxe ó novo arcebispo (discursos, cancións, poesías, etc.) a única poesía recitada en lingua galega foi, en efecto, a do meu tío, o que non deixa de ser digno de mención, se se ten en conta tanto a actitude respecto da lingua galega no seo da institución eclesiástica coma o feito de non ser galego o novo arcebispo (nado na provincia de Burgos) ó que o poema ía dirixido. Nun acto público tan importante Cabada Vázquez non podía deixar de aproveitar a ocasión para dar testemuño da dignidade da lingua galega, da que el fai nese poema cumprida gabanza en sonoros versos.

A semente da importancia da lingua galega (recibida na Universidade Pontificia compostelá en contacto con Cabada Vázquez) iría co tempo dando o seu froito en Rodríguez Fraiz. "Entendín -dinos este- que a miña condición de cristián e de crego da Igrexa de Galicia e na Galicia tiña que sentir co pobo no que se acha inmersa e que ten que evanxelizar, e teno que facer en galego e dende a cultura e raizame galegas" (en Acuña Garrido, Salvador Antonio Rodríguez Fraiz, un crego..., p. 154). "Hoxe, coido -dinos el tamén- que en San Salvador de Poio e en Campañó a xente séntese máis contenta que nas parroquias que seguen castelanizando. Nin o Sr. Cardeal nin a xerarquía diocesana me dixeron ren en contra do que me pareceu. Os cregos, xa foi outro cantar. Algún deixou de asistir ás funcións parroquiais, dicindo que non entendían o galego; outro foi máis lonxe e dixo que me estaba 'xogando un pecado mortal' (sic). Non lembro moito o que lle dixen [...] Foi marabilloso todo aquel movemento [no posconcilio] de centos de cregos das cinco dioceses galegas cun só espírito e afán de que a Igrexa-institución se encarnase no pobo máis pobre -mariñeiro e labrego-, marxinado e sen voz. Eran ó mesmo tempo liberadores do franquismo na orde cultural, social e política das culturas e pobos da Península" (en Acuña Garrido, o. c., p. 158). Para unha máis ampla información sobre a figura de Antonio Rodríguez Fraiz remito ó meu artigo Antonio Rodríguez Fraiz (1912-1995), un crego nacionalista. No 25 cabodano do seu pasamento en "Terra e Tempo", 26 de outubro de 2020.

Dou agora un salto a aquela época na que o insuperábel bieito Martín Sarmiento criticaba con tanta dureza como razón os que se rían daqueles galegos que non eran capaces de expresarse correctamente nunha lingua para eles estraña, a castelá, pero que os casteláns consideraban dona e señora natural das demais: "Deben [os galegos] -clama desenfadadamente o frade- sacudirse, y con aire, de aquellos idiotas y mentecatos, que si oyen hablar castellano a algún gallego, y se les escapa alguna voz, frase, pronunciación y acento de Galicia, sueltan la carcajada de risa borriqueña [...] Y creo que la risa contra estos [os galegos] es hija de la inveterada y perniciosa aversión que acá padece la nación gallega, como si fuese lapona" (Sarmiento, Onomástico etimológico de la lengua gallega. II Edición y estudio por J. L. Pensado, A Coruña, 1998, II, 15-16.

É ben posíbel incluso que o propio Sarmiento fose el mesmo obxecto algunha vez desta "risa borriqueña". En calquera caso, cando lin por primeira vez este texto de Sarmiento, non puiden menos de lembrar subitamente unha escena dos meus anos mozos (dos primeiros anos dos anos 50 do século pasado) da que fun testemuña directa. Formaba eu parte por entón, ben mozo aínda, xunto co meu irmán maior dunha comunidade xesuítica en Salamanca e tocáballe ese día a meu irmán exercitarse publicamente na oratoria sagrada (naturalmente en castelán) perante unha ampla concorrencia de asistentes. Non o facía (polo que recordo) nada mal, mais ó el comentar a pasaxe neotestamentaria de Xesús convidando a Pedro a andar sobre as augas, o novel orador galego expresouse deste xeito: "y bajando Pedro de la barca andó sobre las aguas". Resoan case aínda agora nos meus oídos as estrondosas e prolongadas risadas (Sarmiento diría -como sabemos- "la carcajada de risa borriqueña") que seguiron o errado "andó"... Seguramente ningún dos asistentes a tal acto que non fose galego tiña a máis mínima información de que o "anduvo" castelán é "andou" en galego. Eramos os falantes da nosa lingua (e seguímolo sendo) os que estabamos obrigados a falar correctamente o castelán. Eles, os casteláns, podían (e continúan a poder) en troques prescindir olimpicamente do galego.

Máis ou menos dez anos máis tarde, no ano 1963, ocorría unha escena semellante, aínda que máis tenra e humana, ó se tratar agora (ó meu ver) dunhas risas máis comprensíbeis e inocentes. Celebrabamos o día 10 de agosto, día festivo do santo padroeiro da parroquia, dese ano 1963 na miña parroquia natal de San Lourenzo de Sabucedo (A Estrada) a miña misa nova. Pasaran nada menos que once anos desde que eu deixara a miña parroquia natal. Liturxia, claro está, en latín e a pequena igrexa rebordante de fregueses, veciños e coñecidos, cos rapaces como de costume nas ringleiras de adiante, ben próximas o altar. Chegou o momento de me dirixir na homilía ós asistentes e, como cousa obvia para min na que nin sequera pensara, fíxeno en galego. Porén, nada máis eu empezar a falar, toda a rapazada onda o altar (tíñaos a carón de min) prorrompeu en espontáneas e longas risas, que foron para min unha total sorpresa... O resto dos asistentes permaneceu, polo que recordo, en respectuoso silencio meditativo... ¿Que ocorrera? A espontaneidade dos rapaces non facía en realidade senón expresar á súa maneira a situación diglósica dunha lingua, o galego, ó que non lle acaía nin se lle permitía facer acto de presenza en actos dunha certa prestancia ou solemnidade. Ó galego íalle ben, tras a súa obrigada ausencia durante tantos anos e séculos do ámbito sagrado, ser falado na casa ou na rúa, mais non en tal ámbito. Para isto estaba xa en último termo o castelán, a lingua prestixiada dos que están arriba, sexan laicos ou eclesiásticos.

E así se poderá quizais entender tamén por que non poucos párrocos do rural galego (non falo xa dos de vilas ou cidades) continúan aínda a se aferraren ó uso litúrxico do castelán no canto do galego mentres nos vellos queixóns das sancristías permanecen relucentes e impolutos os ben novos aínda e voluminosos misais en galego que algún día ata alí chegaron...
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES