Espazos na memoria
Agís Villaverde, Marcelino - lunes, 01 de agosto de 2022
Escribiu Rilke que a infancia é a patria do home. Non o poño en dúbida, con todo, a verdadeira patria do ser humano está unida á memoria, anxo custodio da nosa identidade. Nela consérvase o cúmulo de experiencias que imos atesourando ao longo da nosa vida e que non só reúnen o pasado e presente, senón as nosas expectativas de futuro.
Este é quizais un dos atractivos da exposición Espazos liminais na miña memoria, que a pintora Ana Cancela (Santiago, 1957) ofrece ao público na Sala Nauta de Sanxenxo. Os que seguiron os diferentes estilos de Ana Cancela, daranse conta de que nesta nova etapa fusiónase a pintura figurativa, con inequívocas raíces na cultura tradicional galega, con fantasías impresionistas e xogos abstractos cheos de cor e de vida.
Esta evolución da súa linguaxe plástica levouna desde o expresionismo inicial, protagonizado pola representación da muller galega nas súas faenas cotiás, pintada con mans e pés esaxerados e corpos redondos, ata a abstracción inspirada por Gerhard Richter e os artistas da Nova Abstracción Americana, na que priman os xogos audaces de formas xeométricas e cores cheas de alma.
Nesta última etapa podemos contemplar espazos entrecruzados, liminais, no que se fusionan ambas propostas para ofrecernos unha catedral de Santiago aberta ao onírico a través das portas do alén, ou unha Capela da Lanzada con xogos surrealistas onde o observador pode descubrir o rito das nove ondas e toda a imaxinería popular revestida de simbolismo e modernidade.
A exposición estará aberta ata o 4 de agosto e é un atractivo máis para visitar Sanxenxo, localidade que é tamén fusión de soños.

Agís Villaverde, Marcelino
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora