Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que tempos os nosos

jueves, 28 de julio de 2022
Que tempos os nososQue tempos! de Xaquín Marín, está publicado por Embora.

Trátase dunha escolma de colaboracións para a revista Tempos Novos, de aí o título do volume.

Na cuberta un autorretrato do debuxante pensador, a cor. A primeira imaxe, un niño de paxaro que ten no seu interior a aldea, non hai mellor metáfora do abandono do rural e do acubillo afectivo desa esencia que fomos nós (ou seguimos séndoo?) aínda no desleixo.

Unha serie de prólogos van abrindo as portas de temáticas: "Son os tempos" de Anxo Mena que nos fala do fractal como esa repetición do que imos atopando na obra de Xaquín Marín que o caracteriza ao longo do tempo, esas propiedades que se recoñecen no contido e o continente, ese xeito que el ten de estar no mundo: unha ollada militante e comprometida. O de Alfredo Conde céntrase nesa reflexión que se move entre a tenrura e a desesperanza, nesa linguaxe icónica propia, nese sentimento profundo que pon unha aldeíña a aniñar no cóbado dunha póla. Francisco Castro fala das viñetas de Xaquín Marín ao redor da lingua, esa lingua que sae por fóra da boca, agonizante, para rematar afirmando que o noso artista (ese continuador de Castelao) representa un exercicio lúcido de humor / amor intelixente. María Xosé Porteiro asina o seguinte para falar do tratamento que el fai desa arma de destrución masiva que é a indiferenza fronte aos desafortunado. Eva Veiga en "Somos clima" escribe sobre a sensibilidade medio ambiental do autor pero tamén de como estas viñetas están relacionadas directamente coa lírica, como teñen unha poética propia. Félix Maraña enfronta ao terror co humor e fala do humor gráfico coma o mellor xornalismo. Anxo Fraco veo retratando o latexo do tempo. Yolanda Castaño vai armando un Xaquín Marín cun xenio para o debuxo e un gran sentido da xustiza, unha empatía hipersensible cun trazo gráfico rebordante de personalidade, xenerosidade e chispa artística, humildade e compañeirismo, oposición á corrupción e brillantes solucións creativas, prevención ante o poder e linguaxe propia, pero tamén con bondade, retranca, firmeza ética e de estilo, vocación de confortar aos magoados, a conciencia de clase, a compaixón, o talento expresivo... María Solar fala da esencia, de cando se pode resumir un pensamento, unha acción ou unha crítica nunha viñeta, esa síntese que é case poética. En "Todo mal" de Miguel Toval resoa a querenza de Marín polo interese colectivo afirmando: "así, con amor e retranca, vai repartindo labazadas educadamente como quen fai poesía a hostias." Alberto Ansede escribe sobre o fetichismo electoral, de como Marín vai máis alá da festa da democracia para analizar a situación como narrador gráfico dos derradeiros 50 anos.

Acompañando esas introducións están o debuxos de Xaquín Marín agrupados por temáticas que, se ben, rematan no voto, comezaron pola mirada ao país e van pasando pola loanza de personaxes con Díaz Pardo, a fin do mundo rural, a alienación, as guerras, os desherdados, a lingua e a cultura propias...

O autor do noso primeiro cómic (no que acompañaba a Raimundo Patiño) e doutros máis que nos foron enriquecendo, o de Gaspariño e Isolino, o das Ratas e os Pés... e tantos outros, segue en pé, chamando nas nosas mentes para espertalas, para compartir afectos e dor.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES