Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O andador. Conto de verán

viernes, 24 de octubre de 2008
O que vou contar pode saltalo o lector porque non lle vai resolver ningún problema vital nin axudar a interpretar ningún enigma. Pero se non o conto, se non o comparto, resulta que me seguirá roendo e roendo sen parar até desquiciarme. Son desas teimas que lle entran a un na cabeza e tén que transmitirllas a alguén, non coa espontaneidade da fala falada, que sería ideal pero que poñería en perigo a anécdota e a vivencia resultante por mor de calquera torpeza propia da improvisación, senón coa meticulosidade pensada da palabra escrita, da palabra organizada o mellor que un saiba.

Case batín con el ao saír á rúa dende un estabelecemento ao que entrara eu a non sei qué. Como ía na mesma dirección ca min, tiven que seguilo a pouca distancia durante uns trescentos ou catrocentos metros rúa arriba, e non tendo outra cousa en que distraer a mirada dediqueime a observar o sereo camiñar daquel individuo, xove, alto, forte, cun traxe de boa tea e de bo corte, anque coidadosamente informal, coa americana aberta e sen garabata, seguro de si mesmo sobre uns zapatos anchos e brillantes de cor coiro cru avermellado, de moi boa fábrica. Os brazos pendurábanlle paralelos a carón do corpo e arrandeábaos armoniosamente, os dous ao mesmo tempo, os dous adiante, os dous atrás, lenemente, cun pequeno, mínimo, bambeo rítmico ao compás dos seus pasos medianos, nin largos nin curtos, lentos, firmes mais non castrenses e dunha regularidade que a min me transmitiu unha gran sensación de descanso e acougo. Tanto, que podería eu seguir así, tras del, indefinidamente, de non ter que tomar outra dirección para ir cara aos meus asuntos. Pero a imaxe ficou en min moi arraizada. Sigo lembrándoa con gran pracidez e coido que a recordarei xa para sempre.

Con aquel paso sereo e tranquilo, imaxino o mozo dando voltas e máis voltas ao globo terráqueo, infatigábel, inmutábel, sen variar o seu ritmo. Imaxínoo cruzando desertos e pontes e pontellas, e rúas das máis variadas cidades, subindo e baixando outeiros, imperturbábel, sempre con aquel paso que parecía anunciar a fin da utopía do movemento continuo. E il non sería, en efecto, a máquina definitiva do movemento continuo aquel ambulador eterno que semellaba non necesitar aporte de enerxía para seguir andando e andando?

Ou il non sería o Xudeo Errante? Non me fixei na orella, pero aqueles zapatos…
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES