Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con Rosalía en Bonaval

martes, 26 de julio de 2022
Neste día de Santiago e de Galicia cúmprese o 90 aniversario da Misa en lembranza de Rosalía de Castro, iniciada no ano 1932 por don Xosé Mosquera Pérez, o Vello dos Contos, contando coa colaboración doutros galeguistas do seu tempo.

Desde entón, cada 25 de xullo reunímonos arredor da memoria de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres, deitando diante do seu sartego, e do de Alfredo Brañas e Castelao un mar de flores que ofrendan as principais institucións e entidades de Galicia e da Emigración, ese anaco de terra que Amarelo de Castro bautizou como a Galicia Exterior.

Mais tamén celebramos hoxe un segundo aniversario que ten que ver coa intrahistoria deste fermoso acto relixioso e poético, pois van alá tres lustros deste que unha comisión formada por Xerardo Fernández Albor, Carlos Baliñas Fernández e un servidor visitamos ao señor Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, co gallo de solicitar a súa autorización para que esta misa puidese ter continuidade da man do Foro Galicia Milenio. O seu apoio permitiu que 15 anos despois sigamos mantendo esta tradición que se achega, paseniño, ao século.

A través do testemuño dunha alma nobre que visitou ao Dr. Agustín Sixto Seco nos seus derradeiros días, sabemos do seu desacougo pensando en que a Misa en lembranza de Rosalía morrería con el. Desde ese lugar recóndito, onde repousan as almas boas e xenerosas, Rosalía de Castro, Brañas, Castelao, Domingo Fontán, Cabanillas, Agustín Sixto, Xosé Mosquera Pérez, Manuel Beiras, Xerardo Fernández Albor, e toda a Santa Compaña dos Inmortais Galegos, a que se referiu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na súa "Alba de Groria", estarán debruzados ollando cara a igrexa conventual de San Domingos de Bonaval cando dean as cinco da tarde en todos os reloxos de Galicia.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES