Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rosa de Galicia

miércoles, 20 de julio de 2022
Cheguei tan só cinco minutos antes de que principiara en Padrón o acto no que lembramos a Rosalía de Castro no aniversario do seu pasamento ou, se cadra, no tránsito cara á gloria da súa inmortalidade como poeta e como símbolo de galeguidade. Este 137 cabodano foi algo especial porque, no canto de sentar á sombra da figueiriña que plantou e das herbiñas que quixo tanto Rosalía, acomodáronnos nun renovado salón de actos.

Xa case non quedaban sitios e algún dos que había no fondo do auditorio tiña unha etiqueta que poñía reservado. Unha moza da organización preguntoume quen era e se tiña confirmado asistencia. Dúas preguntas moi incómodas porque desta volta non confirmara asistencia e, verbo de saber quen son, sigo teimando despois de tantos anos en coñecerme a min mesmo sen conseguilo.

A miña mente marchou, imprudente, vinte anos atrás e lembrei un acto idéntico presidido polo inesquecible Doutor Agustín Sixto Seco. Tamén daquela sentara aproximadamente no fondo do auditorio, preto da porta. Ben pensado, pouco adiantei na escala social nestas dúas décadas. Nestas frangullas mentais andaba cando comezou a falar Valentín García Gómez, dono da palabra, auténtico na súa fe rosaliana e galeguista, Rosa de Galicia, por ter axudado tanto á Fundación Rosalía.

Os parladoiros foron breves, se cadra porque todos sabían (menos eu) que nos agardaba un concerto de Amancio Prada, o cantautor que mellor interpretou os versos de Rosalía de Castro. Amancio fíxonos vibrar, emocionarnos, sentir moi dentro a alma poética de Rosalía.

Volveremos lembrala o próximo 25 de xullo, Día de Galicia, no que deitaremos como cada ano unhas flores diante do seu sartego e entoaremos unha pregaria, cumprindo cunha tradición iniciada por D. Xosé Mosquera Pérez, o Vello dos Contos, hai agora 90 anos. Abofé que Rosalía ben vale unha misa.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania