Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En conversa coa xente e con Deus

domingo, 17 de julio de 2022
Unha vez máis é Lucas o único entre os autores dos evanxeos que nos presenta a conmovedora escena de Xesús en diálogo con Marta e María. Debémoslle, pois, agradecer, que nos teña transmitido as fermosas e significativas conversas de Xesús coas dúas irmás. Trátase dunha escena que nos mostra tamén o tradicional papel das mulleres ocupadas cos labores da casa. Aínda hoxe, sexa por un machismo máis ou menos agachado ou polo que sexa, o certo é que á meirande parte das mulleres se lles segue a aprender que é a elas ás que lles corresponde encargarse da cociña, lavar a vaixela e cousas semellantes, ademais naturalmente de se ocuparen de coidar dos nenos.

Neste tradicional cadro doméstico resúltanos tamén comprensíbel a queixa que Marta lle formula a Xesús sobre que a súa irmá María pase o tempo alí na casa de conversa con el sen lle botar a ela unha man.

Xesús atopábase a gusto nesta casa e era privilexiado amigo da familia, tanto das dúas irmás coma do seu irmán Lázaro. Polo finado irmán delas choraría el antes de lle devolver a vida; tanto que por iso comentaría con razón a xente o moito que o quería. Neste ambiente de mutua confianza e aprecio, Xesús segue a comunicarnos cousas importantes.

Non poucas veces se ten interpretado a resposta de Xesús a Marta como unha especie de xerarquización pola que a vida chamada contemplativa estaría por enriba da vida activa ou das actividades profanas e normais. Para entendérmonos, unha monxa contemplativa estaría polo mesmo feito de ser tal por enriba dunha nai de familia dedicada ós coidados exteriores da casa e dos fillos. É o que á primeira vista semella dar a entender a resposta de Xesús a Marta de que só "unha cousa é necesaria", esa "mellor parte" escollida por María ó ela se dedicar a escoitar Xesús e falar con el.

Mais non semella que sexa esa a interpretación máis axeitada. O que máis ben nos quere dicir Xesús é que a “contemplación”, é dicir, a oración ou a relación con Deus -tal como a practicaba Xesús co seu Pai Deus e que Lucas tantas veces pon de relevo no seu evanxeo-, vén sendo algo así como a fonte da que provén o noso bo facer, as nosas boas accións. Marta e María virían simbolizar así dúas actitudes (a contemplación e maila acción) que non deberiamos disociar, senón conxuntar.

Hai só algúns días celebrouse a festividade do popular santo, san Bieito, fundador e precursor do monacato. Os monxes bieitos que del proceden foron os que botaron a andar aquel sinxelo lema latino "ora et labora", é dicir, "reza e traballa", ou sexa e en certo modo, "sé María e sé tamén Marta". Por iso moitas das máis antigas ordes relixiosas dedicaban ou dedican aínda de feito tempo abondo á oración en común, ó chamado “coro”, etc., e tamén ó “traballo” manual e á atención espiritual e cultural das persoas da comarca na que están afincadas.
Máis modernamente, Santo Ignacio de Loiola, o fundador da Compañía de Xesús –a súa festividade celébrase o próximo día 31- sorprendeu na súa época (no século XVI) coa supresión do tradicional "coro", é dicir, chamou a atención coa súa ruptura da separación tradicional, polo menos simbólica, que había entre "rezar" ou orar e "traballar". O que quería Santo Ignacio era que a vida toda dos que se consagrasen a Deus e á Igrexa na Compañía de Xesús fose toda ela e ó mesmo tempo, sen mutuas separacións, oración e traballo. Neste senso, poderiamos formular a intención de Santo Ignacio, á diferenza do que ocorría noutras Ordes anteriores, da seguinte maneira: "ora traballando" ou "traballa orando". Un tipo de traballo naturalmente moi diversificado (misioneiros, profesores, educadores, obreiros, etc.). Mais en calquera caso un "traballo" -é dicir, tipo "Marta"- que debería ser ó tempo sempre "contemplativo" -é dicir, tipo "María"-. De aquí provén o ben coñecido lema xesuítico de intentar ser "contemplativo na acción". É dicir, ser persoa "contemplativa" non só antes ou despois da "acción", senón sempre, e polo tanto tamén na acción mesma, no "traballo".

De todos modos, para Santo Ignacio e para a Compañía de Xesús por el fundada o primeiro era sempre o primeiro. É dicir, a oración e maila unión con Deus son máis importantes cós medios exteriores. Ou tal como literalmente se di: "Os medios que unen o instrumento con Deus son máis eficaces ca aqueles que o dispoñen cos homes".

Volvendo de novo ás Lecturas de hoxe, dinos Lucas que, mentres Marta se dedicaba afanosamente ós seus labores, María estaba "sentada" ós pés de Xesús, escoitando a súa palabra. Podemos neste sentido pensar tamén na escena que se nos refire hoxe no libro da Xénese sobre o Abrahán "sentado" (coma no caso de María) á entrada da súa tenda. Quizais estivese el tamén a falar no seu interior co Deus que o guiaba e acompañaba no seu longo peregrinar. En calquera caso, é nese momento cando se lle aparece o Señor -segundo se nos conta no relato- na figura de tres homes que van de camiño (peregrinos tamén coma Abrahán). A súa muller Sara, antecesora dos traballos domésticos de Marta, afanaríase seguramente no interior da tenda nos seus labores. Pois ben, a "contemplación" do Abrahán sentado á beira da súa tenda transfórmase de súpeto en amorosa e hospitalaria acción en relación con eses casuais viandantes que pasan onda el.

Vese ben así como a contemplación potencia e dá vida á acción, uníndose a ela e xerando así froitos de fraternidade e amizade. O contemplativo Abrahán toma axiña a iniciativa en relación cos tres inesperados peregrinos, non deixando que se vaian sen lles ofrecer acougo e xantar. Sen esperar a que llo pidan e forzándoos en certo modo a que se deteñan por algún tempo onda el.

Vemos así ademais como facer ben ós demais, unha acción á que Deus nos capacita coa súa presenza e co seu amor, produce sempre bens, a modo de resposta agradecida, naqueles que se comportan bondadosamente. Pois o galano que os tres peregrinos (é dicir, o Deus mesmo representado polos tres viandantes) lle dan agradecidos a Abrahán está contido na seguinte promesa que lle fan: "Para o ano que vén Sara, a túa muller, terá un fillo".

Ben se ve como o noso Deus endexamais se deixa superar en xenerosidade.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES