Lenda da Lagoa de Cospeito (3): Do PseudoTurpín
Ademais destas lendas haxiográficas, tamén temos lendas históricas onde a Valuria ou Terra Chá é liberada polo emperador Carlomagno e recollido por Vicente Risco na súa

Historia de Galicia, onde:
"...na lagoa de Carregal, que se olla ó pé do monte, está solagada a cidade de Malverde (Valverde) onde había mouros que foron desbotados por Carlomagno e os Doce Pares de Francia e máis Oliveros, e nunha peneda do monte hai unha patada do cabalo de Roldán, dada cando este pideu, despois do sol posto, unha hora de día para derrubar ós inimigos. E é dende entón que, despois do sol posto hai unha hora de luz".
Segundo Risco, esta lenda foi sacada do "Pseudo.Turpín", libro escrito por Turpín, "Arcebispo de Reims e compañeiro de Carlomagno" nos grandes feitos que lle acaeceron en Hespaña. Esta obra foi escrita no século XII e foi vertida ao galego na metade do século XV, recollido por Novo Cazón, Xose Luís no libriño inédito titulado "Contos e lendas da Terra Chá", páx 7.
Xosé Otero Canto, no libro inédito, mais a piques de publicar co título de "Crónica da Valuria" romancea esta lenda e recibe con ela un premio no Belén de Begonte do ano 2019 e que transcribimos a continuación:
CRÓNICA DE BERIA (1)
(Pseudoturpín). Códice Calixtino.
I
A lenda que agora vou mencionar
vén de Carlomagno e dunha pasaxe
que da crónica de Turpín renace
sendo Lucerna a romancear,
ou Beria, palafítica e flotante
no Vale Verde desta Terra Chá,
chamada Valuria polos falantes
e os valuros de Lamas de Goá
son o renome dos seus habitantes
e a súa historia que vou relatar.
II
Cando os mouros Hispania asoballaron,
son os galegos os únicos libres
porque moi feramente pelexaron,
mais ás veces por moitos repiques
penetran en sitios afastados
e chegan á Lucerna invencible,
aínda que axiña foran expulsados.
Os mouros poderosos e temibles
catívanse coa Beria os descastados
e reinando Afonso o irrepetible,
segundo dos galegos e asturianos,
ha pedir axuda a un rei sensible,
famoso en Francia e moi nomeado,
chamado Carlomagno o invencible
e aos doce Pares de Francia afamados.
Moi bo cristián era Carlomagno,
o rei, Roldán e os seus vasalos,
Oliveros e todos os guerreiros
que non ben por Deus foron chamados
e por Xesús Cristo capitaneados
combatendo e botando aos desalmados
da terra de Lucerna, asolagados.
III
Na lagoa de Carregal, Cospeito,
á beira da virxe do Monte está
a cidade afondada de Valverde,
na Valuria, corazón da Terra Chá,
e alí no monte nunha rocha impresa
a pegada do cabalo de Roldán,
cando este pediu a Xesús Cristo
ben entrado na última hora do serán
alongar o día, ¡por caridade!,
para os inimigos derrotar
e é alí en certeza e en puridade
a partir daquel día tan audaz
que ao poñerse o sol en toda a Valuria
segue polos séculos veraz
tardando en anoitecer unha hora máis
en recordo da pegada de Roldán.
IV
A todo aquel que tal non queira crer
que isto aconteceu na Terra Chá,
que pola Serra Loba de Aranga,
perto da ermida de San Vitorio está,
ao lado dun cruceiro, e a poucos metros,
a marca dos borceguís de Roldán.
Mais se aínda descrido e temeroso,
segues sen crer porque es pertinaz
que á parroquia de Cesulfe te vaias,
cerca de Guitiriz, e bo solaz,
na veciña aldea dos Vilares
que o erudito Bouza Brey nos dá,
nunha peneda onde están impresas
as marcas do cabalo de Roldán,
son ferraduras feridas nas pedras
cando a nosa Beria veu a liberar
achándose un quilómetro afastadas
as pegadas do cabalo alazán.
Salve Valuria!
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
NOTAS:
1.- Parte desta lenda baixo o título de Xesús e a Crónica de Beria acadou o primeiro premio de Poesía no XLIV Certame Nacional dePoesía sobre o Nadal. (Begonte, 2019)
- RISCO, Vicente.- "Etnografía. Cultura Espiritual". Historia de Galiza.T.1. Akal Editor (Dir. R, Otero Pedrayo), Madrid, 1979.
- NOVO CAZÓN, Xosé Luís.- "Contos e lendas da Terra Cha". Inédito. Páx,7.