As lendas Valuras onde aparece a maldición dos seus habitantes
Que o pobo Valuro era maldito, non cabe dúbida, porque é portador dunha serie de lendas que nos indican a argumentación destes feitos nos que, nada menos que a Virxe María e o neno Xesús son os protagonistas que rexeitan as formas de vivir deste pobo chegando a condenalos con asolagamentos; ademais, as lendas desta tribo está claro que foron feitas por persoas contrarias ao pensamento Valuro e que, por enriba de todo, eran practicantes do cristianismo e, daquela, sabían moi ben o que facían, visíbel no feito de que metían na lenda, nada máis e nada menos, que a Xesús e, a súa nai, a Virxe María, como sufridores dalgunha desgraza.

Isto leva consigo que:
1º.- Os protagonistas están representados polo fillo de Deus e a súa nai e dalgún pobre.
2º.- Os fillos e as nais sempre teñen a consideración de persoas febles e desvalidas ás que hai que protexer e considerar.
3º.- Se a estas persoas se lles negan as necesidades mínimas do ser humano, como é o de acollemento e hospitalidade, en chegando a noite, supón xa a falta dalgunha virtude por parte dos que os rexeitan.
Na Valuria, como pobo maldito que é, temos nada menos que dúas lendas relativas á falta de amparo e asilo, coas súas variantes; unha é a lagoa de Cospeito e outra é a do Boedo, en Guitiriz. Como vemos, estamos moi ben representados a nivel lendario pola insolidariedade do noso pobo maldito e cuxas lendas iremos debullando nos sucesivos capítulos.
Salve Valuria!
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela