Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Primavera silenciosa

viernes, 12 de agosto de 2022
Deixamos atrás a primavera do 2022, o planeta enteiro, atemorizado por virus e ondadas de calor. Pandemias de medo. A imaxe rememora a lectura do libro publicado por Rachel Carson na década dos 60, "Primavera silenciosa".

Entón, e agora, segue a ser unha chamada urxente a loitar contra o excesivo impacto humano sobre o planeta. Tanto, que a influencia dunha soa especie vén de inaugurar unha nova época, o Antropoceno.

O profético libro de Carson reabre a preocupación polo futuro da vida no planeta. Alberga ata oito millóns de especies vivas, pero está ao servizo dunha soa, o Homo Sapiens, 'mulleres e homes sabios' responsables do acelerado deterioro dos ecosistemas, das alteracións da natureza, o quentamento global e a ruptura dun equilibrio brutalmente agredido pola acción humana.

'Primavera silenciosa' éche unha conmovedora petición de axuda. Miramos ao redor. Un mundo feito só a medida humana acaba sendo inhumano cando ignora as plantas e animais que conviven connosco, compartindo e configurando o medio. Temos agredido con tanta inconsciencia e ferocidade os ecosistemas que terman de nós, que ata os virus saltan dos seus nichos alterando os mapas da vida.

Daquela, lemos que en áreas cada vez máis estensas xa non se escoita o canto dos paxaros. As mañás primaverais, estrañamente silandeiras, van perdendo as cores, a beleza gratuíta dos rechouchíos. Décadas de abondosa sementeira química están a baldeirar os campos de insectos, primeiro prato na paparota da vida. Agora sabemos que os vagalumes importan, como importa o tigre de Bengala. Os grandes e os máis diminutos entretecen a urdida da vida.

Non fai falta moita imaxinación paralela para escoitar o clamoroso silencio dos máis pequenos Provocado por un virus que vacinou tamén contra a alegría de vivir, amordazando os berros e obrigando a medrar en soidade a carón doutros nenos e nenas na primavera silenciosa das aulas, casas, patios.

O que denunciaba R. Carson el 1962 está ben presente en 2022. Algo estamos a facer mal. O cambio climático, a desertización, a tala da alfombra verde das selvas, a sementeira de plástico, as mil formas de contaminación pasan factura. A boa noticia é que agora somos máis conscientes do problemas do planeta enfermo. 'Estamos destruíndo o planeta -recorda Saramago-. O egoísmo de cada xeración non pregunta como vivirán os que veñan despois'. Somos pombas e cobras, individualistas e solidarios. Colocando pedra sobre pedra no presente decatámonos de que non podemos colonizar un futuro que non é noso. Somos quen de cambiar o rumbo equivocado. Para que nenas e nenos, as floriñas ventureiras, tanta xente, prantas, animais, as paisaxes, bolboretas e paxaros non estean ás portas doutra primavera sen música nin cores. A 'Primavera silenciosa', de Rachel Carson.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES