Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arribando a todas as Ítacas: bibliotecas

viernes, 05 de agosto de 2022
Non estraña que o paraíso de Borges fora unha biblioteca. Ou que para Umberto Eco o deus omnisciente só podería ser unha biblioteca inabarcable. Libros e días despenándose tempo abaixo, impedindo ler todo.

Iso si, as bibliotecas son 'perigosas': a liberdade de expresión, agochada nas páxinas dos libros atemoriza aos tiranos. Son 'armas de destrución' masiva da ignorancia, do ruído, dos fanatismos que medran. Por iso odiaban os libros os nazis, o estalinismo, a Inquisición. Ata o maoísmo coa súa diminuta biblia do 'Libro vermello'.

Azarosa é a memoria das bibliotecas. Moitas acabaron incendiadas. Obras perdidas, autores esquecidos. Dando a razón a M. Blanchot: 'Tres cousas fanse cos libros, escribilos, lelos e queimalos'. Pero a súa fraxilidade é teimunda. Sobrevivintes de papiro ('Lo infinito en un junco', escribe Irene Vallejo), pergameo, papel. Recunchos democráticos desde que Gutenberg encheu de libros soidades, cerebros e mans. Agora ebooks e pantallas co perigo da distracción a un só clic.

Entrar na biblioteca. Espido de présas. Acolléndonos ao sagrado no sancta sanctorum protexido contra mentiras, berros da propaganda, fake news dos novos bárbaros. Sentadas diante dun libro dúas fecundas soidades, a do escritor, a do lector. Conversa nun ecosistema onde o luxo do silencio, aínda gratuíto, obriga traballar ao órgano máis lacazán: o cerebro.

E ler. Ler moito. Aprender a complexa liturxia que permite adentrarse nos campos do coñecemento.

Libros que fomos comprando, que nos agasallaron, sombra doce que acompaña. Que gardamos nos faiados da memoria. Amizade que cultivamos e da que non queremos prescindir. Outra vez Borges: 'Que os demais estean orgullosos das páxinas que escribiron. Eu, das páxinas que lin' Libros nos estantes, no chan, nas mesas, entre as árbores, a carón da música do río. As mans na textura do papel. Nas bibliotecas, libros que tocamos, acariñamos, ulimos, lemos. Pertrechados cos dereitos do lector que anota D. Pennac: ler, reler, deixar de ler, saltar follas, volver atrás...

Despois de tantos anos os libros transmutáronse en illas desertas, cidades, selvas, circunvolucións do cosmos e do cerebro. Ao fin, vanse perdendo na néboa da memoria. Deles xa non queda título nin autor: permanece o arrecendo do papel, odios, medos e bágoas, o sol do deserto, a paixón e o xeo, as pegadas dos sabios, a penumbra da sala, a dor, a amizade, o amor. Todo o que atopamos nos ricos xacementos da biblioteca.

Percorremos verso a verso o poema de Kavafis ateigado de xoias, viño, perfumes, ninfas, tabernas, monstros, estelas e camiños. Novos formatos amplían territorios inexplorados da lectura. Ao fin, libros, viaxes en silencio e soidade. Sen arribar a Ítaca. Xa estamos na biblioteca.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES