Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A viaxe a ningures dun paria

viernes, 29 de julio de 2022
Desde as sombras do KGB na decrépita URSS ata campión dos autoritarismos europeos. Os expertos tentan diseccionar as tripas ideolóxicas do autócrata ruso que, como todos os tiranos, só ten unha marcha: a fuxida cara adiante na guerra de agresión contra Ucraína. Cunha ameaza psicópata nas mans, o botón nuclear: en armas atómicas Rusia supera ao resto do mundo. Alea iacta est. E Putin lanzou o exército contra o país veciño e irmán. Terá difícil regresar se o dinosaurio da sociedade rusa, afeita á servidume, esperta e pide contas.

Lemos análises sobre a personalidade deste nostálxico das glorias imperiais de zares ou bolcheviques, tanto ten, ao que pouco importa o sufrimento da xente. O ecosistema creado por Putin é alleo aos valores da democracia liberal, votos e dereitos das persoas. Os autócratas móvense mellor en escenarios de mármore e medo. Putin aleitouse nos peitos zumegantes de vodka do efémero Yeltsin, que malvendeu as riquezas do Estado. Os bens privatizados valían menos que a multinacional Kellog's, recorda N.Haratischwili. De aí a abondosa colleita de oligarcas e cleptócratas con iates xigantescos, mansións excesivas e astronómicas cantidades de diñeiro, recibidos cos brazos abertos polo cinismo occidental. Despois da xigantesca depredación, resulta que o PIB ruso é similar ao español, un terzo do alemán, quince veces menor que o chino e case vinte que o de EE.UU.

Só os dentes da OTAN, a unión de Europa coa forza económica e democrática pode deter o matonismo do autócrata. Os soños de grandeza de recuperar para Rusia a condición de gran potencia, minguan sen o Xeneral Inverno: co bo tempo, menor dependencia do gas ruso. Mentres as sancións petan onde doe: na feble economía rusa e na cobiza dos oligarcas engordados por Putin.

A decidida resposta de Ucraína e do presidente Zelenski deixaron en evidencia o pretexto da invasión: desnazificar Ucraína. Moitos pensan que o urxente é desnazificar a Putin. E denunciar os delirios da súa mesiánica misión paneslava con sanguentos chanzos na 2ª guerra chechena, Xeorxia, Crimea, agora Ucraína.

Fóra dos mármores do Kremlin, das mesas quilométricas, da pose entre filas de lacaios e o pavor que impón aos ministros, queda o agresor sen escrúpulos. Cego ante a dor de millóns de civís, o terror como arma de destrución masiva. O estrondo das bombas non tapa o xemido das sereas, nin oculta caravanas de nais carretando avós, nenas e bágoas.

Outros sátrapas percorreron antes camiños de medo e barbarie. Colgan dalgún capítulo na Historia da Infamia a carón de Stalin, de Hitler. Agora este Putin ou a crueldade con rostro humano. Á espera dunha improbable cadeira diante dun Tribunal Internacional que xulgue crimes de guerra. Ou a viaxe a ningures dun paria.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES