A saúde ecolóxica da cidade
Pinto Antón, J.A. - viernes, 15 de julio de 2022
As cidades son demasiado valiosas para deixalas nas mans de construtores. E demasiado complicadas para cedelas ás apetencias dos políticos. Demasiado humanas para abandonalas ó matonismo dos coches. E son demasiado grandes para que queden nas mans de adultos.
Os máis fortes, que responden o estereotipo de home-adulto-traballador-condutor de coche, monopolizan a cidade e invisibilizan a nenos e anciáns. Para os meniños é perigoso cruzar as rúas porque os pais están a ocupalas abusivamente cos coches. As cidades están a expulsalos das rúas e os nenos desaparecen das paisaxes urbanas. Uns pais cheos de medos e uns medios ebrios de sensacionalismo acaban inventando violadores, lobishomes e sacaúntos en cada recuncho. Na realidade os nenos teñen máis perigos e son agredidos con maior frecuencia dentro que fóra da casa.
Cada vez máis gordos e sedentarios os meniños xa non poden facer algo tan sinxelo como camiñar sós ata o colexio. Bandadas de pais como galiñas chocas colapsan a cidade cos coches ás horas de entrada e saída. Van copando os patios molestando a acción educativa dos centros e a autonomía dos pequenos que medran mellor sen a sombra molesta dos adultos.
Agora están a expulsalos dos parques rotos, ocupados pola despreocupada peña do botellón. "Fódelles a alegría de vivir", acusa unha pintada ós críticos co modelo de divertirse ata morrer. Non. O que molesta é o lixo impune, as botellas escachadas, o coche como máquina de matar, o ruído delincuente, a desfeita ecolóxica dos parques e prazas como espazos de convivencia, o matonismo dos que non respectan os dereitos cidadáns.
As cidades son invento antigo. As primeiras naceron en China, non val do Indo, na Mesopotamia berce da nosa cultura, entre cinco e sete mil cincocentos anos atrás. Tantos séculos de civilización arrincaron da barbarie e da incultura a homes e mulleres. E da tiranía dos señores: "O aire da cidade fainos libres", dicían. E fuxían do campo ata o agocho civilizador da cidade. De servos a cidadáns.
A cidade rescatounos do medo á natureza, da soidade e do atraso dos que non conviven con outros. Por iso hai que apostar por ela. Preservar a historia escrita na pedra. Mimar parques e prazas. Eses recunchos fermosos son o salón dos cidadáns, foro da palabra e lugar de encontro. Hai que revalorizar e protexer fontes e xardíns, igrexas e árbores, pazos e monumentos. As paisaxes da cidade son patrimonio de todos. Son a herdanza que recibimos e a riqueza que deixamos.
A cidade é o teatro de vida compartida por homes e mulleres, grandes e pequenos, vellos e novos. A súa saúde ecolóxica está en relación inversa ó número de coches nas rúas e en relación directa coa presenza de nenos xogando nos parques, nas prazas, nas rúas.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora