Avelino Pousa Antelo
Editorial - martes, 21 de octubre de 2008
En Láncara, terra onde naceu Ramón Piñeiro, existe a asociación Val de Láncara que desde hai uns anos convoca, concede e entrega o premio Ramón Piñeiro, facer país a persoas ou institucións que teñen contribuido ó engrandecemento, ó prestixio, á convivencia de Galicia.
Na lista dos premiados, Milladoiro, Tosar, Neira Vilas, Beiras, A Nosa Terra...
Este ano o premiado foi Avelino Pousa Antelo, Avelino do Peto, o histórico loitador galeguista que conserva a memoria e mantén ergueito o facho da memoria dos grandes do galeguismo cos que tivo relación.
Os noventa e catro luminosos anos deste rapaz nado en Barcala de Negreira fano imprescindible nos actos da Fundación Manuel María e de Xermolos, e de feito pode presumir de ter sido nomeado Chairego de honra por estas entidades.
Na súa longa vida foi seminarista e mestre, promotor de cooperativas, xogador de futbol, dirixiu a Escola Agrícola de Barreiros-Sarria promovida por Antón de Marcos, dirixeu empresas agropecuarias, publica en xornais e revistas, preside a Fundación Castelao, e está presente na actualidade como forma parte da nosa historia.
O pasado sábado, homenaxeron en Láncara a Avelino Pousa Antelo, dándolle premio co nome de Ramón Piñeiro. Ben dado está, e Piñeiro estaría contento de poder participar nunha distinción así a un homilde, xeneroso e bo, último dunha longa relación que deu gloria ó noso país.
Avelino afirma que o seu mérito radica no calendario e na súa resistencia. Non é verdade. O seu mérito radica subsidiariamente sí, na súa longa vida, pero de xeito esencial fundaméntase na súa bonhomía, na súa fidelidade ós principios e ós amigos, na súa constancia, na dignidade con que representa as ideas galeguistas. O tempo, nestes casos, só é un accidente. O que vale, a esencia, é a persoa.
Avelino Pousa Antelo, gran persoa, é un resistente victorioso, é unha viva testemuña de fidelidade ás ideas, é exemplo no que fixarse todos e todas os e as que aspiren a facer algo, a ser alguén, neste país.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora