Citaba, na entrada anterior, varias obras de ficción xuvenís que trataban a temática da memoria histórica, pero resultábame inxusto deixar outras nesa mesta escuridade que as fai desaparecer, igual que as historias das que falan. Esa é a razón pola que continuarei mencionando algún outro libro que se move nesas mesmas coordenadas.
Se lembramos algún dos títulos aos que me refería anteriormente:
Corredores de sombra, Noite de voraces sombras, A sombra descalza... vemos como se repite a palabra sombra porque volver a mirada ao pasado implicaba o encontro coas vítimas, coas sombras, cos fantasmas que continuaban entre nós, porque non podían descansar
sen ter recibido algo da xustiza que lles correspondía.
Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey, está dirixido a un lectorado algo máis novo, para contarlle a historia dun neno pastor que asiste á desaparición do pai e ao misterio que se agacha detrás dese feito. Un amigo do pai, traballador de telefonía, é o home lagarto que ten bicicleta. O poeta Miguel Hernández aparece tamén na historia aumentando así o ton lírico que a envolve.
Para máis novos, aínda, está pensado o álbum ilustrado
A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto, con ilustracións de Bea Gregores. Ao campo de concentración da illa viaxan o fillo dun dos presos e a filla dunha das lavandeiras que lles axudan co lavado da roupa ou levándolles algo de comida. Dous rapaces que viaxaban ao terror... O libro leva as gardas con fotografías da época, dospersonaxes e do lugar; ademais, conta cunha páxina web que complementa e contextualiza a obra.Con este libro comeza a colección Pequena memoria de Xerais, dirixida por Eva Mejuto.
Sitúase, nesta mesma illa de San Simón, o álbum
A árbore dos vagalumes de Xulia María Barros e Diego Salgado, que se presenta desta maneira: Unha emotiva historia interxeracional, sobre o valor dos afectos, o respecto aos maiores e, sobre todo, a importancia de conservar a memoria, é dicir, a capacidade de non esquecer de onde vimos.
Eva Mejuto, tamén é autora da novela xuvenil
Memoria do silencio, na que recrea a historia das irmás Touza de Ribadavia, en plena II Guerra Mundial, que axudaron os xudeusa fuxir das poutas dos nazis; no contexto desa perigosa aventura móstranos o terror instaurado pola Garda Civilna Galicia da posguerra.
Pepe Carballude é outro dos autores que se para nesta época. Publica
Xograres dun tempo novo en 2009 en Everest Galicia. Nela cóntase como unha muller diante do autorretrato do compañeiro paseado durante a guerra civil, lembra as súas andainas coas Misións Pedagóxicas e con personaxes tan coñecidos e interesantes como Urbano Lugrís ou Rafael Dieste. Publica
In Memoriam na colección Fora de xogo de Xerais en2021. Nela conta como a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica vai escavar o antigo Parque da cidade, buscando os restos dun fusilado pouco despois da Guerra Civil porque o seu obxectivo é facer xustiza e homenaxear aos represaliados.
A novela
Febre, de Héctor Carré, narra a tiranía e a corrupción do tempo do volframio, en Noia e Lousame, cunha valente protagonista feminina e cun personaxe que tiña recollido Avilés de Taramancos nun dos seus artigos de Barbanza, o Marelo de terrorífica memoria.
Máis distante, pero relacionado co tema dun xeito significativo, está
O cemiterio de barcos de Francisco Castro. Unha novela onde se conta a historia dun pobo, gobernado por un cacique que se reproduce a si mesmo, pasando o poder de pais a fillos, con tanta man como para evitar que traballe alí un médico porque é de esquerdas, para urbanizar o que queira e para quedar con propiedades que eran dos derrotados na guerra.