Recadro da Rapa das bestas
Cabada Castro, Manuel - martes, 12 de julio de 2022
Á noite oíuse a curuxa
chiar no medio do val.
Entrou na aldea o andazo:
por Sabucedo anda o mal;
dormen os menos na casa,
fóra xa 'dormen' os máis...
"Pra que a gadaña non mate
vamos de aquí, miña irmá!
Connosco virá a besta,
pois ela é forte e está sa.
Deámoslla a san Lourenzo
se el saúde nos dá".
Vivían nunha cabana,
deixándose alí estar.
Bichos nacéronlle á besta
ó as irmás ficaren sas.
Milagre foi de Lourenzo:
pra sempre el patrón será.
Furan foguetes no ceo
antes de o sol clarexar.
Hoxe évos día da Baixa,
todos ó monte co pau!
Co "pau de moca" de sempre:
é tradición ancestral.
Mozas e mozos da aldea
ó monte subindo van!
Ferve no sangue o gurgullo
de sermos todos iguais.
As bestas foxen ós altos,
non queren baixar ó val!
"Festa, évos festa, baixade,
hoxe é festa comunal!"
Entenden a nova as bestas
e déixanse ó val baixar.
Abofé que son ben cordos
estes belos animais!
Cercados polos festeiros,
ceibando rinchos ó ar,
danza nas crinas o vento.
Máis ca vento é un vendaval.
Imos así en xuntanza
festa viva a celebrar.
Embocan no curro agora:
ondas son dun amplo mar.
Mar que se estende na area,
nunha area onde loitar.
Loita que é nobre e amiga:
chamámola aloitar.
Érguense ó ceo os cabalos
en mutua loita ritual.
O desafío é incruento:
é unha lección maxistral.
Mestres ilustres vos son
de como nos comportar.
Mozas e mozos lle aloitan
agora a outro animal:
belo envurullo de vida,
un desafío entre iguais.
Gañe quen gañe na aloita,
bos amigos ficarán.
Chegado porén o luns,
con el vén a liberdá.
Volven de novo ós seus montes,
patria do seu benestar.
Canta a laverca na altura
e rinchan griñóns ó par.
Paso lixeiro o das greas,
con ansias de ver o mar,
mar que elas ven dende arriba,
ondas e crinas ó ar.
"De hoxe nun ano!" lles canto,
cantábamo miña nai!

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora