Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lectura como deber moral

viernes, 08 de julio de 2022
Os libros son amplo ventanal aberto ao sol do saber, ao ar puro do coñecemento, a todas as cores das paisaxes do gozo e da liberdade. No silencio de cada páxina xorden voces que nos enriquecen, que nos amplían e levan máis aló de nós mesmos. Todos os libros, ata o máis humilde, permiten vivir máis vidas, outras vidas máis aló da rutina e a mediocridade que nos envolve.

Ata os ollos, sensores do cerebro, chegan outros, infinitos pensamentos e todo un mundo de posibilidades, viaxes, periplos, odiseas que agrandan os nosos mundos individuais. Un libro. Un pouco de cartón, uns gramos de papel, unha arañeira tecida de letras, cousiñas abondas para acender o forno do saber e as súas paixóns.

En cada cerebro de cada persoa, do sexo que sexa, vista a pel que vista, fale a lingua que fale, rece si reza, hai cen mil millóns de neuronas que precisan o enerxético alimento das palabras, dos saberes, dos poemas, da literatura, das ciencias. Todo se pode dicir nun libro, pero os ecos de cada libro viaxan moitísimo máis lonxe que as súas páxinas. E crean outros mundos: os amplos mundos do saber, os fermsos mundos da literatura, as corredoiras intrincadas da historia, carnet de identidade do animal humano. Os libros, cada libro, todos os libros. A fin de contas, 'a criba da historia irá separando os garabanzos gordos', dicía aquela Tereixa de Xesús, que andaba noutras cousas.

A lectura é a chave mestra que abre as barreiras do tempo. Para viaxar aos pasados, para percorrer os presentes. Para nos aventurar nos futuros que precisarán das súas propias palabras. A palabra, as palabras permiten unha mirada mellor, máis limpa e fonda ao mundo. E que tantos intereses tentan ocultar, cambiar, envilecer. A lectura obriga a manter os ollos dolorosamente, asombrosamente abertos. Para comprender, para saber. Para que ninguén obrigue ao silenccio de vivir de xeonllos.

Atrévete a ler, a saber, atrévete a pensar encirraban os filósofos do Século das Luces aló pola metade do XVII. Da man da razón, da palabra repousada. A fraxilidade dos libros transforma o efémero en eternidade. Volvemos unha e outra vez ao modelo dos clásicos onde todas as encrucilladas, todas as paixóns humanas foron descritas.

As escritoras, os escritores, sabios e clarividentes, son os que ven máis lonxe. Sinalan e percorren os camiños. De algo imos estar seguros: do valor da súa amizade. Do agasallo do silencio onde dialogan dúas soidades, a do autor, a do lector.

As palabras que nos habitan, as ideas que que nutren e que compartimos, como a luz que acende outra luz: non nos empobrecen, iluminan máis, fannos máis ricos.

Ler todo o que cae nas mans. Na casa e fóra da casa. En calquera sala de espera. No tren, no bus, no avión. No sancta sanctorum das bibliotecas públicas. Ler contra canallas e manipuladores, contra as domesticadoras pantallas. Protexendo os lugares de lectura. Salvagardando os tempos de silencio.

Ler como un revolucionario acto de decencia e de rebeldía. Ler como un deber moral.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES