Todos os pícaros e aínda un que outro rapazolo da posguerra e xeneracións anteriores mentres os demais durmían a sesta que cadraba tamén na sexta hora despois de que cantasen os galos no albor, diciámoslles aos outros pequenos... "Imos aos niños?", con esa frase feita ou con outra parecida é a que Francisco de Fientosa emprega ao comezo destes versos galegos e nós tamén "Imos coller niños novos/ agora que é primadeira", sempre á procura de darlle a este home, senón gloria, si o recoñecemento que merece despois de 110 anos de penumbra e noite. Xa é hora de "espabilar" e concederlle o merecido a este noso Valuro de Santalocaia.

"Imos coller niños novos" tamén é unha metáfora da poesía en galego de Fientosa, en total son 10 poemas e cada un constitúe un niño de beleza suma onde o paxaro-autor, Fientosa, vai collendo os garabulliños das palabras, as raices dos verbos, as plumas dos adxectivos e adverbios e os enlazamentos das preposicións e conxuncións e colocándoas no seu lugar adecuado, xunguindo unhas coas outras para que cada niño ou poema conforme un todo completo, redondo como o niño de carrizo, obra maiúscula que a través da nimiedade que parece que teñen as palabras indiduais vai engarzando unhas coas outras como os garabullos, pelos e plumiñas cangadas, acibeladas co seu peteiro, empregando a lama das enchentes do Miño e do Azúmara e engastallada coa súa propia saliva da creación fai un contorno redondo de beleza e satisfacción para que o niño-poema, e para o que le a poesía, aínda que non teña moitas luces, quedará abraiado, porque a beleza da poesía de Fientosa "fírenos para sempre", como diría o outro Valuro, este si, coñecido e recoñecido como Díaz Castro.
Nós tamén imos á procura de devolverlle a Francisco de Fientosa a consideración e celebridade que merece, a este home que ata o de agora aínda que niñase unha poesía de suma beleza, atópase agochada e incluso tapada cal niño paxaro ao que por moito que esculquemos na árbore da cultura, o niño pasa depercibido porque se deron todos os designios para que isto sucedese, mais tamén o paxaro-autor quixo esconder algúns destes versos en galego entre as follas da creación poética, e aquilo que se descobre despois de moito tempo ollando para o lugar onde está o niño pero sin velo, tropeza cunha satisfacción moito máis grande, froito da dificultade de encontrar o niño dos seus versos, moitas veces tan difíciles como achar o niño no medio das follas dun loureiro, sabendo que de alí sae o paxaro-autor, pero con moitas dificultades para localizalo aínda recoñecendo que o paxaro entre e sae a miúdo polo mesmo furado.
Pero que foi o que tratei eu de facer cos versos de Fientosa?
Oínllo dicir un día a Xulio Xiz, dixo "o libro é unha radiografía da poesía de Francisco de Fientosa", e eu dino por dito e por "bendecido", porque así é, unha radiografía da poesía en galego de Paquiño da Ponte, o isopo da auga bendita de Xulio Xiz fixo que as pingas de auga me ferisen no adentro e púxenme a pensar o atinado destas palabras, pero eu vou un pouco máis aló, xa que Xulio iniciou o proceso, porque o libro, entre

outras cousas, é tamén un TAC (Tomografía Axial Computerizada) que permite o estudo dos poemas desde distintos planos que abranguen cada un deles e cada un dos versos que o conforman, facendo un estudo verso a verso nunha exploración radiolóxico-lingüística que permite o estudo dos sintagmas e das oracións que conforman cada verso en que están divididos os poemas. Mais aínda, non fiquei aí, e tratei de ir máis lonxe na súa poesía e non contento co TAC, tentei facer unha Resonancia poético-magnética, considerando utilizar imáns e ondas máis potentes en forma de cortes de cadansúa das palabras que Francisco empregou na súa poesía, como se fosen órganos vivos que fan funcionar o todo do poema. É dicir, analicei palabra por palabra e ás veces aínda baixei a outros cortes máis imperceptibeis, como son os das sílabas e os das letras.
Espero que vos guste o que fixen e sobre todo que vos guste a poesía deste autor descoñecido pero dun grandísimo talento. Poeta que temos que reivindicar e tratalo como se merece. Moitas grazas. Foi un pracer.
Agradecementos
- Ao Sr. Concelleiro e ao Sr. Alcalde de Castro de Rei, sempre tan atentos a todo o que se move culturalmente en toda Galicia e en todo o Concello. Tamén ao Sr. Director de Política Lingüísta, Valentín García e a Dona Mª José Gómez Rodríguez
- Ao grande e insustituíbel Xulio Xiz. Pobre de nós que nos falte! Desexámoslle longa vida para que siga nesta loita cultural e que permaneza incombustíbel.
- A Antonio Giz, pola confección e mimo con que leu e correxiu cada unha das palabras deste libro, tampouco se nos pode esquecer o amigo Xosé Luís Vázquez Somoza, sempre presto a axudarme.
- A Ricardo Polín, por este proemio tan ilustrado, cheo de tanto coñecemento e bo saber. Lese nas súas palabras como é un grandísimo estudoso do noso autor, entre outros. Quero darlle as grazas por agasallarme co seu libro "A Primeira Luzada" onde recolle e estuda todo o relativo a Fco. Vega Ceide.
- A María Guerrero, por eses debuxos minimalistas, tal e como llos pedín e tan ben acaídos a esta poesía de substancias e movementos vangardistas. A verdade son unha preciosidade e benseguro que Francisco de Fientosa sentiríase moi agasallado con eles
- A Ana Mar Fraga, por verter estes poemas ao catalán e ao portugués, sen poñer ningunha pega, e ademais aos dous idiomas. O que me parece dunha suma dificultade. Espero que sigamos collendo niños novos doutros autores da Valura.
-Ao grande Raúl Río, que nos indicou a persoa que podía traducir ao vasco os poemas de Fientosa e atopou a outro ilustre profesor e tradutor do éuskaro, Aitor Fernández de Martikorena ao que correspondemos coa nosa inmensa gratitude e ao convidamos para novas xeiras.
E, en fin, os meus agradecementos a todos Vostedes que están aquí pendentes de nós e deste home, que aínda que sexa tarde, merece os nosos recoñecementos, refírome naturalmente a Francisco Vega Ceide, coñecido como Francisco de Fientosa. Moitas grazas. Foi un pracer.
Lugo, 29 de xuño de 2022