Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un hectómetro para unha vida que comezou cun soño

lunes, 04 de julio de 2022
Un hectmetro para unha vida que comezou cun soo Estou moi agradecida por estar aquí tan ben acompañada nesta inauguración dun hectómetro Vilalbés, que por primeira vez Xermolos e a Irmandade Manuel María teñen a ben adicarllo á ciencia, á saúde e á vida. E estou encantada que usen o meu nome para elo. E empezo como non pode ser doutra maneira agradecendo a vosa presenza e as vosas agarimosas palabras neste muíño do Rañego Vilalbés, que para min significan un mundo.

Agradézovos moito que poidades acompañarme neste día para honrarme deste xeito, anque hei de recoñecer que este evento intimídame en certa maneira polo calibre cultural que representa. Este ano son máis chairega ca nunca. Grazas infinitas pola oportunidade que lle distedes a unha pícara da chaira máis bretemosa, entre as fronteiras da Terra Chá, case case non me toca. Limitando con Mondoñedo e a Mariña, e polo outro lado con Riotorto, Pastoriza e Meira, porque ser de Bretoña, é o mellor lugar de onde podes ser para pertencer un pouquiño a todas partes.

Cada hectómetro é unha vida, e cada vida comeza cun soño, e este PASEO xa leva 16, os que me precederon non precisan presentación, desde logo, só o seu nome xa é referente: Paco Martín, Manuel María, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Darío Xohán Cabana, Xosé Manuel Carballo, Margarita Ledo, Helena Villar e Xesús Rábade, Xosé Ramón Chao Rego, Xulio Xiz, Mini e Mero, Alfonso Blanco, Miguel Anxo Fernán Vello e Victor Coral. Xente que independentemente das súas traxectorias, teñen en común o orgullo pola chaira.

Asignarlle este hectómetro a unha científica, ten mérito, e a unha que traballa fóra é xa de valentes. Porque a vida é un paseo de soños e son das que pensa que as homenaxes e festexos hai que facelos en VIDA, porque a andaina é moi curta e despois queda só o que deixaches sen facer. A pesares que o amigo Xulio Xiz me fixo as contas, parece ser que rompo o empate a favor dos vivos do Paseo dos soños.

Hei de recoñecer que este hectómetro literario deixa un pouco fóra de xogo a unha rapaza que dirixe un laboratorio alá nun rañaceos en Houston, porque os presentes aquí no muíño teñen un peso e dimensión cultural que me exceden sen dúbida. Nunca antes unha científica atraeu a tantos escritores, lingüistas, artistas, mestres, filólogos, ou museólogos.

Estou moi agradecida polo arroupo neste Paseo dos Soños, á miña familia, a meus pais, a meu irmán, ó meu home e ás miñas fillas, ás amistades, e sobre todo a meu pai, que pasou as últimas semanas coa única preocupación que a miña escultura estivera ben asentada despois da ponte no hectómetro 16.

Moitas grazas por formar parte deste grupo tan selecto e especial de xente con autenticidade e plenitude, o que me causa unha verdadeira admiración. É un luxazo para os espectadores no muíño do Rañego escoitar as vosas verbas. E empezo dando as grazas ó grande dinamizador da identidade cultural da chaira, a Alfonso Blanco, á batuta de Xermolos e a Irmandade Manuel María no corazón da fermosa Terra Chá. Moitas grazas por facer todo isto posible, por xermolar durante tantos anos o festival de Pardiñas que formou parte da nosa xuventude e nos axudou aínda máis se cabe a amar a música tradicional, a artesanía e a cultura. Grazas ó xenial Xulio Xiz por levar o temón do evento, por toda a súa bagaxe profesional ó fronte dos medios, todo un luxo que súa voz tan xenuína fora dando entrada ós presentes.

Grazas á Sabela Corbelle pola súa profesionalidade que me deixou moi sorprendida xa fai anos cando me fixera as primeiras entrevistas no Progreso, á miña prezada mestra de EXB Modesta Campo Valiña, que me abriu de pícara os libros de NATURALEZA e ensinoume coa súa vitalidade e entusiasmo como funcionaban os órganos do corpo e o que había no interior das células, foron estas primeiras ensinanzas as que me fixeron reflexionar que ó mellor ó que podía adicar a miña vida era a estudar a VIDA.

Grazas a Guillerme Rodríguez Osorio, mesmamente un mestre bo e xeneroso, e concienciado polo que as súas ensinanzas poidan labrar na formación educativa e vital dos seus cativos e cativas, pero ademais coa preocupación de buscar protección para a saúde nas aulas en tempos pandémicos.

A María Xosé Porteiro, por dar á voz e exemplo da muller da que queremos que se parezan as nosas fillas, e por ser a fiestra da emigración a este lado do Atlántico, e Alberto Avendaño, o meu veciño de Washington e que me abriu a porta da súa casa e eu a el a miña, e que me invitou ós encontros poéticos e culturais da comunidade hispana onde se escoitaba poesía ó ritmo da guitarra flamenca.

Ter entre nós a Paco Martín é formar parte da historia, lémbrome a sensación de identidade que me embargou de nena cando caeu nas miñas mans “As cousas de Ramón Lamote”, onde lin o nome de sitios que coñecía e fíxome sentir que habitaba un lugar importante, único e máxico. E a Marina Oural Villapol, e a Ugia Pedreira, que nos trasladan a súa oficina galega e outros asuntos do movemento para achegarnos unha faba e unha vida, un poema e un sopro ó carón do río Magdalena.

E en definitiva moitas grazas ós presentes, que atopándome aquí tantas caras coñecidas, arrepíntome de non haber traído un saco con todos os vosos libros para que me firmarades autógrafos. Estamos aquí para facer unha loubanza á ciencia, á investigación, e á vida que latexa ó ritmo das augas do Magdalena. Andar polo mundo demostroume que para avanzar en calquera eido facía falla sentir orgullo pola identidade cultural de seu, e que se manifeste no formato que queira. A lingua trae identidade, e a literatura tamén. Grazas ó empuxe deste hectómetro literario, motiváronme a crear unha obra en formato libro, “A ciencia que nos rescatou da pandemia” que XERAIS me publicará no mes de Novembro.

A PANDEMIA

Fai algo máis de dous anos iníciase unha crise de saúde pública protagonizada por un virus que nos dobregou ó seu antoxo, e aínda non acabamos con el. Foron tempos onde brindar o coñecemento científico, ó que persoalmente tiña acceso para axudar á xente a protexerse do Covid, foi un dos meus obxectivos, algo que me parecía lóxico, lonxe de ser isto un mérito, non esforzarse en facelo para min sería un delito. Se facer isto deu acougo e tranquilidade, e axudou á protexer a saúde da xente, non pode ser para min meirande a recompensa. Que esta sexa a razón do meu nomeamento hoxe aquí para este hectómetro, éncheme de orgullo.

Quería darlle luz a este discurso de agradecemento con 3 verbas, coma raiolas que entran neste muíño por estras contras, que son: o medo, o coñecemento, e a esperanza.

O MEDO

A miña tese doutoral comeza coa célebre frase de Marie Curie: "Dans la vie, rien n'est à craindre, tout est à comprendre", que se traduce "na vida non hai nada que temer, so tratar de comprendelo".

Nacemos con medo e vivimos con el, é unha das emocións primordiais do ser humano, porque poucas cousas nos dominan máis co medo. O medo fainos tremer, suar, acelerar os latexos da nosa cor, estremecernos cos momentos. A neurociencia afectiva dinos que o medo fai que algunhas hormonas moi necesarias baixen, coma é o caso da oxitocina, un potente neurotrasmisor no cerebro. Axúdanos a ser máis empáticos e a reducir a pena. Tamén temos no cerebro a amígdala que se activa en resposta ó medo e á ameaza, e que manda sinais ás glándulas suprarrenais que liberan grandes cantidades da hormona adrenalina, a que nos fai estar alerta. Pero por sorte temos a cortiza cerebral prefrontal que nos fai pensar no futuro, a nosa rexión racional que pode manter o control da situación. Unha maneira de combater a ansiedade é pararse por un momento, coller folgos e respirar profundamente, deixando así que a amígdala descanse e dándolle á cortiza prefrontal o mando.

Ben deitamos do medo, e durante a pandemia foi moi preciso e desexado para a nosa supervivencia, veu acompañado coa información, púxonos alerta para protexernos dos riscos, e salvou vidas, sen dúbida. Pero unha cousa é sentir medo e outra moi distinta vivir con medo. Vivir con medo fai que nos freemos, que non continuemos cos nosos propósitos, que non escapemos da nosa zoa de confort, e apodérase de nós, e domínanos e todo porque llo permitimos. Meter medo é a mellor das armas de manipulación da sociedade, usadas polo poder e que fai que as persoas baixen os niveis de protección, aumenten as inseguridades e se fagan domables.

Durante a pandemia o medo chegou coa desinformación, cada nova estaba inzada de medos por un futuro sen predicir, onde ninguén se sentía a salvo. A incapacidade de soportar a incerteza e confusión constante fíxonos vivir con ansiedade. Non ter baixo control o que está a pasar, crea circunstancias que nos aflixen, que nos debilitan e que nos baixan a inmunidade que é o mecanismo máis importante de protección física e mental. O medo ficticio e disfuncional medra normalmente da ignorancia e do descoñecemento.

O COÑECEMENTO

O bioquímico e premio Nobel, Severo Ochoa, dicía que "a ansia por investigar consistía en arrancarlle os segredos á vida, e non existe nada que produza maior emoción".

A ciencia é o coñecemento mata os medos e chega para rescatarnos, como o fixo da pandemia. Tamén chegou a cultura, a literatura e a arte para abrir as mentes, e liberarnos de opresións, anque isto costase vidas. O coñecemento é liberador, da tranquilidade e sosego, permite respirar fondo e pasar á acción con serenidade. De aí a importancia de estar rodeada de xente con coñecementos coma vós, de quen absorber a sabedoría que nos libera dos medos. Pero por desgraza tamén existe moita arrogancia e avaricia en tanta xente non preparada que ocupa cargos de poder, coa única pretensión de dicir que os que os rodean son peores ca eles, e así agochan a súa mediocridade, o que fai que o coñecemento quede menosprezado. Esta xente é á que hai que descartar, ou mellor dito, despedir, ou non votar, porque crean os obstáculos que impiden que o avance científico, a riqueza cultural, e o progreso da sociedade.

Contaremos á nosa descendencia que alá polo ano 2020 algo terrible aconteceu. A pandemia deixou en relevo o mellor e o peor de moitos de nós. Contarémoslles que a arrogancia política matou xente, e pechou os negocios, que manipulou á masa tamén con medo, utilizando en nome da ciencia.

Contaremos ás nosas netas e netos como os tanques do exercito patrullaban as rúas das cidades galegas durante o confinamento, falaremos dos corpos amoreados nos camións refrixeradores, e dos avós que morreron coa agonía de non poder despedirse dos fillos na soidade dunha habitación dunha residencia. Pero tamén de xente máis nova illada nas camas dos hospitais e coa pena de non ter un tratamento daquela que aliviara a súa dor, ou conectados a unha máquina cun reloxo que marcaba a conta atrás.

Contaremos que esta pandemia deixou unha sociedade feble, con secuelas neurolóxicas, que o Covid non era unha simple gripe que aínda hoxe en día nos intentan facer crer que é.

Se a ciencia non descifrara o virus e os seus danos, non poderíamos atopar tratamentos nin vacinas, pero isto conseguiuse grazas a un grande esforzo e traballo. O pai da neurociencia, Santiago Ramón y Cajal ben dicía que "As ideas non duran moito. Hai que facer algo con elas". Porque se estas ideas non se converteran en froito do traballo de moitos grupos de científicos e científicas, non nos podemos nin imaxinar que máis arrasaría a pandemia. E como isto foi posible, ten unha explicación, no traballo duro, intenso e incansable, e a aposta por ese traballo.

Lémbrome que o profesor de Microbioloxía de terceiro de carreira nos dicía que calquera persoa en calquera parte do mundo que quixera alcanzar certos logros ou éxitos, tiña algo en común, un número, o 60. Daba igual se nacera en China, nas Américas ou na Terra Chá, se traballaba 60 horas semanais nun proxecto, estarían garantizados os seus logros e éxitos. Xamais o esquecín e puxen este método en práctica por moitas tempadas, e moitas veces o meu número subiu ben do 60. Porque nada me produce máis admiración que a xente traballadora, e non importa ó que se adiquen. Especialmente ás nais traballadoras, ás que se organizan para non deixan os seus traballos e se sacrifican criando, amamantando, loitando en ambientes hostís, competindo en desvantaxe, persistindo nos seus obxectivos, e aínda por enriba aturando as críticas das que non fan nada diso.

A ESPERANZA

Sempre hai esperanza que o traballo traiga os seus froitos. Teño esperanza que a ciencia nos rescatará de calquera catástrofe, desta pandemia e das que veñan, porque só a investigación científica dará coas solucións ós problemas que nos metemos. So a ciencia nos descifra as incógnitas e alimenta o coñecemento.

Teño esperanza que nun futuro a investigación nos achegue tratamentos para as enfermidades neurodexenerativas coma o Alzheimer en calquera estadio, ou calquera cancro, ou que o diagnóstico chegue a tempo para tratamentos efectivos.

E dende as Américas, teño moita esperanza en que Galiza sega adiante, que ademais do apoxeo cultural e literario, tamén o sexa o da investigación e moitas de nós poidamos regresar nas condicións que merecemos. Coma emigrante teño moita esperanza na comunidade galega no exterior que leva a terra, a patria e a fala nas maletas ó partir, para que poida regresar cando queira, e sobre todo esperanza no futuro nas meniñas da diáspora, estas que nunca serán "daquí" nin "dacolá", pero saben ben quen son que é o importante. Porque as raíces da diáspora son frondosas, fortes e medran na autenticidade con orgullo, anque sexan invisibles.

Teño esperanza nas escolas, e nos mestres e nas mestras que educan transmitindo inquietudes e principios que para que esperten nos cativos soños sen límites.

Teño esperanza na empatía da xente, na xenerosidade e no bo facer dun pobo respectuoso e agradecido que fala un galego vivo, sen complexos, na xente que está plena coas súas vidas o que lle permite valorar e apreciar o traballo e a entrega dos demais, e que che demostra os seus afectos en agradecemento.

Cada quen ten un río na súa vida, que nos vai levando pasiño a pasiño, cara as mellores oportunidades, e o meu levoume por moitas patrias que me acolleron con agarimo. Pero hoxe aquí no Paseo dos Soños atopei todo o arroupo e amor que quedou esculpido nese sorriso eterno no hectómetro 16, engalanado de amenizadoras verbas e cantos poéticos, unha loanza á ciencia e ás vidas que soñan e latexan ó carón das augas cómplices e murmuradoras do Magdalena. 

Moitísimas grazas.

(Palabras de Sonia Villapol no Muíño do Rañego de Vilalba, na homenaxe que se lle rendeu por serlle erixido o XVI Hectómetro Literario do Paseo dos Soños vilalbés)
Villapol, Sonia
Villapol, Sonia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES