
Grazas por estar aquí hoxe neste Paseo dos Soños de Vilalba e grazas por invitarme, como alcaldesa do Concello de Vilalba, á inauguración deste novo Hectómetro Literario, que será o décimo sexto.
Teño que comezar dándolle a noraboa á Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María por esta iniciativa, na que o Concello de Vilalba está encantado de colaborar.
Nesta ocasión o novo monolito serve para recoñecer o traballo e a traxectoria de Sonia Villapol, neurocientífica, investigadora e profesora en prestixiosos centros académicos de Houston e Nueva York.
Desde a chegada da pandemia do coronavirus, forma parte do Equipo de Investigación Internacional da COVID-19, onde coordina o equipo de neurocientíficos que analiza cómo afecta o coronavirus ao cerebro e o sistema nervioso.
Por este motivo temos visto a Sonia en numerosas ocasións nos últimos meses, demostrando sempre a importancia da divulgación científica, de explicar dunha forma que calquera persoa poida entender os resultados dos seus estudos e investigacións.
Quédome co ultimo artigo, publicado hai só uns días nun xornal, cando a raíz da pandemia do coronavirus e a recente varíola do mono dicías que estes últimos dous anos serviron, e leo literalmente, "para ensinarnos que hai miles de maneiras de previr que as enfermidades zoonóticas causadas por un planeta ferido entren nun bucle de eventos catastróficos, e cómpre tomar acción agora. Facer un enfoque de "unha saúde" que estude a saúde humana, animal e do medio ambiente ao mesmo tempo; e, como non, dedicar fondos á investigación e á saúde, xa que é o mellor dos investimentos que a sociedade pode facer".
Non podo estar máis dacordo con isto que dis e para min, Sonia, son varios os motivos de satisfacción da xornada de hoxe, na que recoñecemos por suposto o teu traballo pero tamén damos un paso máis en Vilalba no obxectivo de visibilizar e crear referentes femininos para a infancia que poidan contribuir á elección das áreas de ciencias como carreiras profesionais.
Neste caso, a referente a temos na nosa terra, porque Sonia é como todos sabemos de Bretoña.
Estou tamén satisfeita polo feito de que o novo hectómetro, obra por certo do pai de Sonia, sexa para unha muller.
Para o Concello de Vilalba, a loita pola igualdade real é unha prioridade de goberno e somos conscientes de que os pasos dados aínda non son suficientes.
É un traballo de todos e todas, unha tarefa común, pero aos representantes públicos nos corresponde tomar as medidas necesarias para non deixar de avanzar.
Ogallá algún día non moi lonxano non sexa necesario que a igualdade sexa tan protagonista na axenda pública, pero repito, aínda non estamos nesa etapa, polo que é evidente que non podemos baixar a garda.
Como dixen anteriormente, neste obxectivo de loita pola igualdade é moi importante darlle visibilidade a mulleres que son referentes en calquera sector, sobre todo naqueles que por costume estaban ou seguen estando ocupados por homes nos seus postos de dirección e xestión.
Por iso, Sonia, agradecémosche de corazón que estés hoxe aquí con todos e todas nós.
A túa traxectoria profesional é un espello no que estou convencida se miran moitas nenas do teu concello natal e doutros cercanos como Vilalba, onde sempre serás benvida.
Moitas grazas por todo e moitas grazas a todas e a todos.
Que pasedes unha boa xornada!
(Palabras de Elba Veleiro, Alcaldesa de Vilalba, na homenaxe a Sonia Villapol no Muíño do Rañego, por serlle erixido á neurocientífica de Bretoña o XVI Hectómetro Literario do vilalbés Paseo dos Soños).