Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 30 de junio de 2022
Pensaba que...

Pensaba que camiñaba pola beira esquerda do río Arnoia, pero a realidade mandoume á estaxe número cinco dunha pista de atletismo. Estaba a correr, claro. A min, que nunca me gustou correr. Sempre fun de andar e quedar quieto. E cunha quietude desas que se poden chamar eternas. Mesmo moita xente pensa ás veces que son un nugallán. A min, cando me ferve o sangue. Que me ferve tan a miúdo que Pingas de Orballoincluso chego a pensar se non serei un pote cheo de calda. Daquela caldada que se lle daba ós porcos, a base de nabos, verzas e patacas.
Pensaba que camiñaba pola beira dereita do río Arnoia, pero a realidade amosábame colgado dun balcón e intentando furgar para entrar nun pequeno faiado. Hai accións que non se entenden mentres non se fan. Que estaba a buscar nun faiado? Quizais o acocho dun latexo? Ou o reflexo, na claraboia, dun sorriso aberto?
Pensaba que estaba a nadar polo medio do río Arnoia, pero a realidade dirixiume a un foguete espacial no que sucaba o universo. Ese universo no que se mestura algo de todo; desde estrelas fugaces ata ruxerruxes eternos, desde planetas varios ata pensamentos erráticos, desde un meteorito guapo ata a inesperada Perla Negra. Que fai a Perla Negra nos confíns do universo?
Pensaba que asubiaba desde a ponte vella de Baños de Molgas, pero a realidade dime que estou cantando desde o alto da torre esquerda do santuario dos Milagres. E co mal que canto...

Mesturas

Pulsa para mesturar. É o que me di o móbil cando entro na aplicación da música. Fágolle caso, claro. Porque sempre quero escoitar música. E desde a Finca Fierro ata o medio da Valenzá hai un certo traxecto, no que a música me entretén abondo. (Paréntese para confesar que xusto neste momento estou escoitando o mellor tema Pingas de Orballomusical do mundo mundial: "Under Fire", de Jerry Goldsmith). Digo que lle fixen caso e pulsei para mesturar. E hai mesturas a darlle cun sacho: Ricardo Arjona mesturado con Milladoiro, Pink Floyd con Melendi, Vangelis con Rosalía, Paquiño Sinatra con Charlie Santana... Mesturas sen ser musicais: fabas con castañas, Baños de Molgas con Barbadás, asubíos con silencios e latexos con ruxerruxes...
De verdade que mesturar é fácil. Todo consiste en meter e amasar. Claro que ó mellor o resultado queda como queda. Uns días que quedei só na casa mesturei ingredientes culinarios e, si, xantamos, pero... Non hai moito pensei en mesturar políticos da esquerda cos da dereita; tívenlle medo a unha empanada mental. Optei por mesturar sentimentos coa cavadura dunha leira e saíume un esgotamento físico de envergadura.
Se mesturo un vestido vermello cunha chaqueta negra, mesmo pode saír unha elegancia inmaculada e eterna. Mesturando flores de diversas cores adoitan saír ramalletes coma soles ou como amores. Tamén poden saír mangados de pormenores e feixes de rancores. Ás veces as mesturas non son boas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES