Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Maxisterio galeguista dun xuíz

jueves, 16 de octubre de 2008
Coñecín a Don Orencio Pérez González cando era secretario dun dos xulgados de Vigo situados na rúa do Príncipe. Xa van aló trinta anos. Acababa de publicarse a reforma do artigo 54 da lei do Rexistro Civil que permitía a imposición e galeguización dos nomes propios, e pedínlle que me acompañase para cumprimentar os requisitos esixidos. Recibiunos o xuíz encargado do Rexistro co que mantiven un diálogo esperpéntico. Preguntábame por que quería cambiar o nome e que ía gañar con iso (!). ¿Usted como quiere llamarse?, preguntoume. Eu, Xosé, -sentenciei-. Pero hombre, por el amor de Dios,¡que disgusto les va a dar a sus padres! -respondeume todo enfurruñado-; pues dígales a sus amigos que lo llamen así y sanseacabó. Estivemos nun tirapuxa máis dunha hora. O amigo Orencio, asorado, non daba creto ao que oía. Rematei por dicirlle que xa estaba ben e que non ía perder o tempo dándolle explicacións. Así que tireille a miña solicitude enriba da mesa, collín pola brazo a Orencio e marchamos tomar un café. Aquel día decidiamos que tiñamos que crear unha asociación de funcionarios para rematar con aquelas mentalidade trasnoitadas. Anos máis tarde aquel suceso conteillo a Suso de Toro para que escribise un relato que se publicou no libro titulado “Contos da Xustiza”, que facía parte dunha campaña de animación ao uso da lingua galega na Administración de Xustiza.

Desque en 1983 fundamos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, deica o día do seu pasamento, Orencio participou activamente en tódalas actividades para galeguizar as administracións públicas e nomeadamente a de Xustiza. Porque no maxisterio galeguista de don Orencio Pérez, a lingua e o Dereito eran os dous sinais de identidade máis característicos dunha nación, pois ó carácter e modo de ser dun Pais -adoitaba dicir- corresponde certo xeito de falar e tamén as peculiaridades das súas institucións xurídicas. Por estas razóns a lingua e o Dereito van intimamente unidas á idiosincrasia de cada pobo.

Cando ascendeu a xuíz tivo que trasladarse forzosamente a Mataró e alí, para dar exemplo, estudou catalán e neste idioma ditaba as súas sentenzas. De volta a Galicia fíxose cargo do Xulgado de Instrución número 5 de Vigo e, xunto con fiscal Carlos Varela García, hoxe Fiscal Superior de Galicia, desenvolveron un labor fundamental na utilización da lingua galega nos procedementos xudiciais, seguindo o exemplo do maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, que varios anos antes xa galeguizara o Xulgado do Social número 2 de Pontevedra.

Demócrata e galeguista de pensamento laico, don Orencio Pérez foi, no seu tempo, un exemplo de xuíz heterodoxo na maneira de exercer a súa función xurisdicional. Aplicaba o dereito tendo moi en conta as circunstancias sociais e culturais dos xustizables, maneira de ser que o singularizaba sobranceiramente.

Participou en tódalas xornadas e seminarios que durante moitos anos programamos para espallar a normalización lingüística. Era tal o seu entusiasmo que non desaproveitaba a ocasión para arrequecer os debates, propoñendo iniciativas lúcidas e operativas.

Pola súa aportación á galeguización xudicial recibiu premios e distincións mentres vivíu. Tralo seu falecemento a corporación municipal viguesa decidíu, por unamidade, recoñecerlle os moitos méritos dedicándolle unha praza e un monumento. Pasaron os anos, sucedéronse as corporacións, e aquel acordo plenario nunca se daba executado. Agora, cando se cumpre o décimo cabodano do seu falecemento, grazas ao interese e entusiasmo que puxo no empeño o concelleiro de cultura, don Xesús López Carreira, o próximo día 31 de outubro celebraremos un acto académico na memoria de don Orencio Pérez, e a descoberta do seu monumento na praza dediante dos xulgados vigueses, que tamén leva o seu nome.


Xosé González Martínez é Secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES