Bulinte verderolo
Cabada Castro, Manuel - martes, 28 de junio de 2022
Vivo dende hai algún tempo nun antigo andar dun tamén vello edificio desde o que podo contemplar ben próxima unha das incomparábeis rías pontevedresas deste antigo e noso reino de Galiza. Respírase dende aquí sosego vexetal, azuis cores de mar e paz inconmensurábel. Dinme (pois a tele non conta entre os meus entretementos) que hai non moi lonxe desta terra estrondos de guerras e moito proclamar dunha ou doutra parte "eu levo razón", "estasme agredindo", "vas ver como che zoupo no lombo" e lindezas semellantes.
Dinse e practícanse cousas coma estas con armas das que se nos di tamén que son "intelixentes" (ollo pensantes, filósofos e demais intelixentes...!). Armas -dinnos- que saben o que fan, onde van e a magnífica e loábel zarracina que ó inimigo lle van causar. Ollo tamén aquí, amigo lector! Lembra que para o seu contrario ningún "inimigo" ten rostro humano.
Aínda que a cousa en realidade é ben tráxica, parecería máis ben en principio ser de risa... Como chegaron os humanos a enfoncharse de tal maneira para se creren donos dos ceos e mais da terra e de canto neles bule?
E entrementres, velaquí como mesmo á miña beira, a non máis de dous metros, máis ou menos, do cacharro este electrónico no que ando a teclear (e que, por certo, amabelmente me di e me recorda acotío que a ver se cambio por fin de programa ou de non sei que, por el ser xa supostamente antigo de máis...), velaquí -digo- como un inquedo verderolo me está a chamar a atención co seu ir, volver e rebulir, case pegado á fiestra do sinxelo habitáculo que me alberga. Érgome, pois, amodiño da cadeira e achégome cauteloso e agradecido ó gratuíto e primoroso espectáculo que se me brinda.
Non! Aquí, nesta emotiva escena non hai guerra. Bule a paz, o bo facer e o compromiso coa vida, co presente, co porvir, coa natureza toda e co ben-estar. Fico inmóbil pra non perturbar o que perante min se me está a ofrecer. O veciño e ben próximo piñeiro inmenso e acolledor, no que toda esta escena ocorre, gorece nos seus brazos, dende a súa plenitude e robusteza, niños de pombos, de pegas rabilongas e tamén doutras especies menores como esta, a do ben feitiño e dilixente verderolo. Unha desas pólas cos seus pondalianos "arpados arumes" chega case a tocar o vidro da ventá. É alí xustamente, ó meu lado, no interior desa "arpa" á que o vento lle arrinca en certos intres sons inenarrábeis, onde o inquedo e sutil verderolo continúa a construír e a tecer pra a súa futura proxenie o seu niño de agarimos. Vai e vén, percorrendo sempre o mesmo camiño en ben programado zigzag a través das pólas e arumes do piñeiro ata chegar ó que para el é neste intre o centro mesmo do mundo: ese pequecho niño que vai collendo forma e cor ante o meu abraiado ollar.
No seu peteiro chegou hai só un intre un sutil fío ou quizais raíz. E agora, pouco despois, ledo e fachendoso coa súa achega, volve el cunha branca pluma (procedente dalgunha galiña branca ou dalgún pombo amigo), prendida tamén do seu peteiro, que case o envolve a el mesmo e que lle dá agora á redondez interior do seu niño aires de agarimo e quente benestar.
As guerras humanas quedaron por un intre seguramente mudas ante tamaño espectáculo de candor, de bo facer e de fondos pensamentos.
Boa sorte, verderolo,
tece o niño devagar!
Douche un bico dende aquí,
outro non cho podo dar!

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora