Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Sonia Villapol

lunes, 27 de junio de 2022
Quixera comezar significando o meu recoñecemento a todas as persoas que, como Sonia, conseguiron co seu esforzo que tiveramos acceso á vacinación contra a covid e non padecésemos maiores problemas mesmo estando contaxiados co virus, como foi o meu caso a semana pasada.

Moitas grazas tamén pola oportunidade que, por parte das amigas e amigos de Xermolos e mais os da Irmandade Manuel María de Terra Chá, se me concede de A Sonia Villapolparticipar dun xeito un tanto manifesto neste acto festivo de recoñecemento e homenaxe a Sonia Villapol Salgado. Participación que, supoño, ven dada pola miña orgullosa pertenza, se cadra non moi merecida pero xa inevitable, a este grupo de persoas que outrora foramos honradas cun espazo compartido neste suxeridor paseo dos Soños vilalbés, e tamén porque cando Alfonso me chamou sendo sabedor da miña supina ignorancia na ciencia que con tanto éxito practica a doutora Villapol contestou á miña queixa cun tallante: Si, pero é de Bretoña... E aí non souben que lle dicir porque a verdade é que, sen saber a razón, o de Bretoña é coma se imprimise carácter e que a miña antiga pero inesquecible vinculación co lugar de nacemento da aquí homenaxeada supón unha máis ca cumprida honra para o mestre de escola que, sendo aínda rapaz, chegara un día a aquela terra disposto, entre outras moitas ilusións de futuro, a formar parte, malia que fose moi humildemente, daquel espazo co que fantasiara a través das lecturas da obra de don Álvaro Cunqueiro, meu señor.

Procurara eu cos ollos ó chegar a silueta setentrional do monte Carracedo porque ía remoendo na cabeza as palabras que Lomas do Pontigo, perito en diluvios, un dos personaxes de "Os outros feirantes" lle dixera ó escritor: O Carracedo, para un de Miranda, na diocese de Mondoñedo, é coma o Everest, e hai un dito que saben todos os de por alí: O Carracedo, que a todos os montes pon medo, a non ser ó Montiral que é o seu igual. O caso é que naide de por alí, nin doutras partes, sabe onde cae o Montiral. Montiral parece un monte imaxinario, tirado dun conto ou dun romance, quén sabe se do Mormaltán de Don Gaiferos ou do Montemeral onde, neno, cazou o oso o paladín Roldán. ¡Quen sabe!

A verdade é que ninguén dos de por alí coñecía o tal dito nin había quen puidese acreditar se era certo o que Lomas do Pontigo afirmaba de que fora o crego de Bretoña quen lle dixera que o raposo non quixera subir á arca de Noé. Tamén se me poderá dicir que, polo menos dende a perspectiva bretoñesa, a cousa pode parecer que non é para tanto, mais eu fóra de me desencantar, e estou seguro de que non son o único, prefiro sumarlle ó Carracedo dos 830 metros que, segundo a Wikipedia, ten sobre o nivel do mar, as varas de fantasía que don Álvaro lle soubo engadir porque, e tamén son palabras do autor de Merlín e familia, as persoas precisamos beber soños tanto como beber auga e diso ben sabedes vós, os Villapol Salgado.

Botei nove anos en Bretoña, aprendendo sobre todo e enriquecéndome como persoa e como profesional. Pódeseme crer se digo que dese tempo e desas experiencia naceu moito do meu posterior quefacer literario e que das bretoñesas e mais dos bretoñeses o que había ser a cerna da xente das moitas das miñas historias.

Souben alí do orgullo da fala propia, do respecto polas orixes, da naturalidade do universal, da verdadeira cultura do común, da solidariedade xenerosa... Pois ben, esa da que falo é a matria da nosa homenaxeada, matria que, penso, algo debeu axudar ó labor encomiable de Antía e mais de Fernando, das mestras, mestres e demais membros da tribo que contribuíron máis ou menos directamente, á formación dunha persoa de cuxa calidade humana, abondosos méritos e fecundos logros tedes cumprida información de boca das persoas ás que eu acompaño nesta mesa e por iso tamén é lóxico que fose aquí, na Terra Chá, onde se inventase este soño feito paseo á beira do río no que hoxe participa de pleno dereito Sonia Villapol, sabedora ela, estou ben seguro, de que a honra que recibe e, sobre todo, a honra que ela nos concede implica tamén unha tácita obriga coas chairegas e os chairegos máis novos de idade, encargados de seguir soñando os mundos que hoxe soñan, eles e tamén cada unha das mulleres e cada un dos homes que percorran camiñando seguros este vieiro afirmado riba das palabras da fala nosa, esa da que Sonia non perde oportunidade de facer decidida e enérxica ostentación en calquera lugar e tempo, esa á que algúns queren roubar primaveras das que o mestre Cunqueiro nos deixara en herdanza e enzoufan coa súa ignorancia o limpo son dos que foron antes ca nós.

Por iso é lóxico tamén que se saiba aquí da semente tirada da alma que haberá quedar chantada nesta terra que outros haberán pisar, para ben deles e para ben dos que atrás veñan.

Querida Sonia, quero que saibas do meu orgullo por ocupar canda ti un espazo neste camiño aberto ós mundos todos, canda ti e canda as mulleres e mais os homes que o viñeron conformando, quero crer que como símbolo para as boas xentes todas e que, estou ben seguro, tamén se senten moi honrados de compartilo contigo.

Grazas, amiga, a ti a todos os teus, polo que representas, por canto levas feito e por canto aínda haberás facer.

Sorte e ben.

(Palabras de Paco Martín no vilalbés Muíño do Rañego, o 11 de xuño de 2022, en homenaxe a Sonia Villapol por erixirse na súa honra o XVI Hectómetro Literario do Paseo dos Soños de Vilalba).
Martín, Paco
Martín, Paco


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES