Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (14)

viernes, 01 de julio de 2022
Os Valuros amantes das augas

A Chaira foi un inmenso mar interior que, pouco a pouco, foi recuando conforme aos rigurosos estudos do profesor Río Barja. A planicie da paisaxe chairega é recoñecíbel polos seus ríos calmos e tranquilos, xunguidos sempre ao fondo silencio que abrangue os oídos, que seguen a culminación da soidade estendida, coma chaira Valura, que a domina, rodeada de bloques montañosos e con condicións idóneas para anegarse das enchentes que levan os seus abondosos ríos nos que o Miño é o pai de todos eles, exercendo de patriarca, desde a Lagoa de Fonmiñá e nos 50 quilómetros seguintes somente descende un 0,19 por cento, abríndose, moitas veces, en apertas apretadas e pechadas, formando illas, e recibindo ríos e ríos coñecidos e descoñecidos que van ver ao seu pai:
A misteriosa e incógnita Valura (14)
Madanela, Regueira, Río Pequeno, Fontadrao, Pontiga, Azúmara, Guisande, Lea, Támoga, Santavalla, Arnela, Ribeira, lagoa de Cospeito que se abríu paso ao mar a través do Támoga e do Miño, Ladra, Trimaz, Labrada, Parga... son os ríos máis coñecidos, amén de múltiples regatos e birtas que obviamos pero que humidifican e vivifican os corpos das terras que como veas manteñen sempre molladas nesta Valura onde nunca fai falta regar.

Se a isto unimos a esistencia de moitas e recoñecidas lagoas como as de: Cospeito, Caque, Carballosa, Fontefría, Riocaldo, Seixas, Fonmiñá, Reboredo, Chao, Pozo do Ollo... e se entre lagoas e ríos hai enchentes que abranguen veigas e labradíos onde aínda hoxe somente se pode entrar co tractor a finais de agosto e principios de setembro, e sabendo que na actualidade A Valuria está moito mellor drenada que nos séculos anteriores, coidamos que os Valuros eran persoas amantes das augas, xa fose por devoción ou por obriga, mais moraban a carón delas.

Eladio Rodríguez González chama Valuro ao que "vive al pie de la antigua estación lacustre de Santa Cristina, cerca de la Sierra Valura".

O Licenciado Molina pensa que a mítica cidade valura está situada en Lamas de Goá.
A Gran Enciclopedia Galega de Silverio Cañada afirmanos que Valuro considerábase a "un adorador do deus Baal e normalmente tiña a súa morada nos arredores da lagoa de Santa Cristina, en Cospeito."

Ao mesmo tempo os Valuros piden esmola para as once mil virxes da lagoa de Caque. Pero o que máis nos chama a atención é que sexan adoradores do deus Baal, cando este deus, -que non sei como puido chegar a estes lares- fainos descridos por ser un deus dos semitas occidentais: cananeos, fenicios, arameos e outros, pero sobre todo era o deus de cananeos e fenicios, o que parece imposíbel que chegase a estes lares tan alonxados da Valuria.

O nome de Baal significa "señor" e parece ser o deus da choiva e dos trebóns, tan abundantes na Valura como cunca das tormentas, mais tamén é o deus dos ceos. Este deus represéntase cun lóstrego na man destra.

As características deste deus, que ten moito que ver coa auga, parece como se tiveran certa relación cos Valuros mais eu coido que isto é unha gran mentira, cecais para xustificar a situación arelixiosa do noso pobo. O máis lóxico, parécenos pensar, é que os Valuros son descendentes dun celtismo politeísta que se confunde con outras relixións, pero crer que unha relixión semítica, así polas boas, propia dos fenicios e cananeos chegase á Chaira, tendo esta outras relixións anteriores, cremos que isto hai que poñelo en solfa o mesmo que nos di Murguía dos Valuros como a raza máis ruín de toda Galicia, e que o simple feito de dicilo, xa nos fai pensar nunha enorme mentira. De todo isto, quédanos claro que os Valuros son amigos e amantes namorados das augas.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela


NOTAS:
DORREGO MARTÍNEZ, Filomena.- Sobre os Baluros: mito e realidade. Croa. Castro de Viladonga,2005
GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA SILVERIO CAÑADA.- Tomo IV.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES