Idalia
Santalla, Iago - miércoles, 29 de junio de 2022
Hoxe fúcheste. Quizais sen sabelo pechaches os olliños onde ti querías: na túa casa, na que levabas sempre na boca e que ficou como unha folla perenne no libro da túa alma. Alí estabamos nós, os teus, aos que tanto quixeches. Agora, aínda que sentimos a túa falta, quédanos o mellor de ti: o teu amor e o amor que nos ensinaches.
A túa longa vida tivo de todo (traballos, ledicias, tristuras...) pero agora destaca o que conseguiches. Os teus logros son feitos da nosa historia: festas e risas entre xantares eternos nos que ti velabas porque todos coméramos ou sinxelamente vervos chegar de Lugo un venres calquera. Ti sempre en acción, sempre pensando o que podías facer para que todos estivéramos ben. Incluso, cando nada dependía de ti, seguías teimando.
Lembramos a vosa casa dos Clérigos aberta sempre a nós e chea de nenos a rebulir. Foi alí onde a estrutura familiar se alterou para sempre: os primos pasaron a ser irmáns e teceuse un vínculo de aceiro na túa semente. Ti pendente de nós e nós sabendo cal era a nosa seguridade. Marchabámonos ledos porque sabíamos que volviamos a ti.
Tamén lembramos contigo as primeiras praias en Cangas. Levabas moitas cousas. Ás veces parecía demasiado pero, cando un pedía, sempre había...
A palabra "non" escaseaba na túa boca e só a usabas para librarnos dalgún perigo: ese que nunca viamos coma ti e que sempre andaba entre as nosas trasnadas.
A túa vocación de servizo non tivo límites. Por iso, ben sabemos que non has pasar sen botarnos un ollo, sen facernos ver como poidas cal é o camiño correcto pero nós queríamos pedirche dúas cousas: a primeira é que desfrutes dese paraíso que gañaches pola forza do amor; a segunda é que lle deas unha aperta enorme a todos, aos que ti sempre botaches en falta e aos que nós nunca deixaremos de querer.
Agora ti es parte dese amor ilimitado que lle temos ás ausencias. Con el fica todo o que nos ensinaches. Por iso e porque somos moitas e moitos, as novas xeracións recoñeceranse na palabra Idalia.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora