Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ás veces prodúcense milagres

jueves, 23 de junio de 2022
Ás veces prodúcense milagres, aínda que nos dea traballo crelo. Por unha vez, un libro creou un bosque, ou mellor, conservou o que quedaba da carballeira, e retomou un banquete.

Sucedeu co libro de Henrique Alvarellos, 'Os últimos carballos do banquete de Conxo', Ás veces prodúcense milagrespublicado en 2016. O que conseguiu o autor e editor foi chamar nas conciencias cento e pico anos despois, petar nas portas e reclamar que os carballos que quedaban no lugar daquel acontecemento foran respectados. Ao tempo, traer o banquete do de 2 de marzo de 1856 á actualidade foi provocando que ademais nas intervencións no bosque e o paseo (que xa para sempre recibe ese nome) se recuperase unha festa no ano 2018. Unha festa na que se lembran tempos pasados, cando o estudantado estaba disposto a servir a mesa de artesáns e obreiros, cando os poetas facían brindes que poñían á Igrexa en pé de guerra, ando Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre tiveron que sufrir os golpes das forzas reaccionarias.

A festa perdura, gardando o que se pode e avanzando na consecución de dereitos. Son mulleres, veciñas dos barrios de Santiago as que len o pregón, son persoas de base quen realiza os brindes, acode moito Santiago a ese paseo dende o Toural ata Conxo para facer presente a alegría de manter vivo algo que nos fai sentir orgullo.

Todo medra. Un dos carballos do bosque foi proposto para árbore do ano e así foi declarado a nivel español. Na páxina de Compostela Verde aparece desta maneira: "Este impoñente carballo, con máis de 250 anos de vida, é a árbore máis veterana do histórico Bosque do Banquete de Conxo. Álzase ao pé dunha das sendas deste novo espazo natural situado ao sur de Santiago de Compostela. Dicimos novo porque se abriu ao público no ano 2018 despois de estar pechado nada menos que durante 133 anos, en concreto desde 1885 (data na que esta enorme finca de máis de 20 hectáreas, bañada polo río Sar, se destinou a espazo só para internos do daquela modernísimo Manicomio de Conxo). Estamos entón ante o símbolo, un verdadeiro cofre botánico, de resistencia ás cortas indiscriminadas e incendios múltiples que arrasaron os bosques galegos durante os séculos XIX e XX, e que foron decimando espazos coma este, un bosque que en orixe chegou a albergar até 1.000 carballos. Hoxe quedan en pé uns 40, con este carballo como emblema."

Posteriormente, presentouse a árbore europea e aí quedou entre os finalistas... non sei se en segundo lugar.

O roteiro polo bosque da man de Henrique Alvarellos, o desfile dende o o Toural ata Conxo coa xente vestida de época, os cantos de taberna, un banquete para rapazada, a actuación dos Quinquilláns guiando a festa e representando aosilustres do pasado, poesía e corais, comida e romaría popular, foliada... e discurso de peche por parte de Suso de Toro.

Si, ás veces prodúcense milagres, especialmente cando contamos con persoas que os fan posibles, que turran polo tempo para posibilitar avances. Por iso, toca recoñecer, de novo, a Alvarellos que publicou Federico García Lorca en Santiago de Compostela relatando as diferentes viaxes á cidade, publica os Seis poemas galegos. Federico García Lorca en edición facsímil incorporando as fotografias do poeta en Galicia, pero ademais, saca do prelo as libretas lorquianas, realiza os roteiros de Lorca pola cidade, posibilita a creación da escultura de Lorca na alameda da cidade, realiza a proposta do Día de Lorca en Galicia e a das Letras Galegas para este poeta que foi quen de ler na nosa alma.

A forza pode ser inmensa cando se cre no que se fai!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES