Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Círculo virtuoso do liño

miércoles, 22 de junio de 2022
A medida que ía lendo o poema da "biografía do liño", de Eugenio Montes (1), activóuseme o arquivo da memoria a longo prazo. A miña mente íase recreando, nos espazos, nas tarefas, nos itinerarios, nas persoas, nas cores, arrecendos, conversas, escenarios, adiviñas, contos e cantigas, que tiña rexistrados sendo neno, na aldea de Vilela da freguesía do Baño de Bande.

O texto escrito por Montes en París o día de Santiago do ano 1927, está tan ben estruturado, medido, contado e coidado, tanto na forma como no fondo, que demostra, que foi feito por unha persoa coñecedora do laborioso ciclo do liño, que vai desde a sementeira ata o tear.

Sen esforzo e de forma fluída, revivín os escenarios reais,desandei o tempo, estaba cos meus pais, Pedro e Gumersinda, cos meus irmáns Antonio e Carmen e coa miña avoa Antonia, nos días soleados de comezos da primavera, a preparar a terra da Avelaira, con abundante esterco e ben labrada, co arado de ferro e coa grade de pau.

As tarefas do ciclo do liño:
1. Labrar a terra: tirando do arado, ían a Rubia e a Pisca, tan mansas, tan listas, tan respectuosas e disciplinadas, arábase de forma transversal con sucos rectos, como se fosen deseñados cunha tiraliñas.Aos dous ou tres días tocaba sementar, aquela liñaza miúda, gardada desde a colleita anterior, na ola de barro, en sitio fresco e seco e a continuación gradar, para deixar a terra chaira como a palma da mao, como dicía meu pai "ben peneirada". Lista para comezar a regar con auga abundante, ao nacer o liño, unha vez a semana, dependo da forza do sol.
2. Sementar: ao sementalo tan basto, o liño medraba fino, e coa casca delgada. Non se podía sachar, se saía algunha herba mala, arrincábase coa mao.
3. Regar: a eficiencia do regadío estaba no trazado de regos medianamente profundos cada tres metros aproximadamente ao ancho da superficie plantada, unha vez conducida a auga a eses regos, por medio dun vascullo ou vasoira, co cabezal de trapos vellos, íase diante da augando, encorando, para que rebordara de forma lenta por a superficie é encharcara as plantas do liño.
4. Arrigar:o liño sempre se sementaba nas terras de mellor calidade, ben abonadas e regadas, a medida, que avanzaba a primavera e se achegaba o verao, co calor, medraba e se fortalecía, ía mudando de cor, o verde daba paso as tonalidades intermedias do amarelo e do dourado, dependendo do tempo, a finais de xullo hasta mediados de agosto, xa estaba maduro e pronto para arrincar, proceso que se facía coas maos, con coidado e moito mimo.
5. Ripar: o liño pásase por o ripo, para separar do tallo a bagaña, onde está protexida a liñaza, que hai que secar e gardar para a semente do próximo ano. Tamén se utilizaba para elaborar varios remedios caseiros.
6. Asolagar: o liño atado en feixes, lévase ao río a macerar durante dúas semanas, ben somerxido nos pozos fondos, co fin que se desprenda a febra da parte leñosa. Durante ese período, hai que removelo unha ou dúas veces por semana.
7. Asoallar: o liño estendese e secase, nun espazo ben soleado, vaise dándolle voltas ata que seca ben por todos os lados.
8. Mazar: con golpes de mazo, sobre o mazadoiro, conséguese romper a casca e separala da febra interior, que é onde está a esencia do fío do liño.
9. Espadelar: é o proceso de amansar o liño, ao separar a casca rota da febra,para conseguilo,colócanse as estrías do liño no fío do espadeleiro, e golpéanse coa espadela, ata deixar a febra do liño magra.
10. Tascar: para eliminar o mínimo rastro da casca, que puidera quedar do proceso anterior, fretábase as estrías do liño contra o bisel do tascón, chamado tamén relo, ata que o liño se esponxe, e se separe definitivamente a parte leñosa das febras.
11. Deluvar: consistía en facer o proceso anterior coas maos, frotando contra unha pedra, da mesma forma que se fai coa roupa cando se está lavando no lavadoiro.
12. Restrelar: e o proceso de cardado, que consiste en pasar varias veces a febra magra por o restrelo. Con esta tarefa conséguense tres tipos de febras: unha grosa e áspera, tamén coñecida como cabezos, outra mediana, que é a estopa, de suavidade intermedia e a febra fina ou asedada, sen impurezas, que se vai utilizar para tecer as prendas máis delicadas e vistosas.
13. Fiado: da estopa áspera e dade suavidade mediana, fanse as manelas e das febras fina as estrigas. Agora entran en funcionamento a roca, o fuso e a destreza da muller co proceso de fiado. Colocase a meada na roca, vaise estirando e tensando pouco a pouco para ir formando o fío que se vai enrolando no fuso, a medida que alcanza grosor e peso e dificulta a tarefa, sácase e faise o novelo ou mazaroca, e iniciase de novo o proceso de fiado.
14. Ensarillar: co sarillo vanse enrolando os fíos da mazaroca e fanse as meadas.
15. Branquear: neste momento do proceso, o liño fiado e ensarillado, mostra unha cor cincenta, branca rota, tostado ou gris, que era preciso branquear. A tal efecto, as meadas, férvense con abundante auga, dúas cuncas de cinsa de carballo e xabón, unha vez fervidas, lávanse e ponse a clarexar, vólvense a lavar e ponse a secar. Senón se consegue o branco desexado, repítese o proceso.
16. Debanar: consiste en pasar as meadas a novelos, por medio da debanadoira.
17. Canelar: é o proceso de preparar os fíos antes de comezar a tecer, tanto para a trama como para a urdime. As canelas, son canas que levan os fíos enrolados, esta canela ía dentro da lanzadeira do tear, que a tecedeira ía cruzando de dereita a esquerda e viceversa no momento de tecer.
18. Urdir: era a función de preparar a urdime. Trátase de colocar os fíos en paralelo na urdideira, para montalos en sentido horizontal no tear antes de proceder a tecer. A urdideira viña a ser unha debanadoira grande.
19. Tecer: no tear, técese a tea ou peza de lenzo,de diferentes tamaños cores e texturas. Oficio que require destreza, paciencia, intelixencia, concentración, memoria e tempo de aprendizaxe. É tal ohábito da tecedeira experta, a coordinación de movementos, que de forma automática, move os pedais, sobe e baixa os fíos alternos, pasa a lanzadeira, apreta o pente, cun ritmo acompasado, que semella que está danzando nunha simbiose perfecta con todos os elementos do tear, ata conseguir a tea final, despois de horas e máis horas de traballo, rítmico, constante e disciplinado.
20. Das teas, córtase ou engádese, a superficie que se precise, para o produto final, que ben poden ser: sabas, toallas, chambras, mandís, camisas, cirolas, camisóns, capas, colchas, polainas, saias, calzas ou panos.

O liño e a la, eran as materias primas para elaborar o enxoval doméstico e máis o vestido de toda a comunidade. A la máis para as prendas de inverno, por o seu abrigo, e o liño para as de verao por a súa frescura.

As webs, consultadas, que me serviron de axuda para elaborar este artigo e poñer en orde os procesos do liño, foron:

La manufacturación del lino en Parderrubias. Por Avelino...
https://parderrubias.com e27-la-m...

AC Alto Támega - Laza - O PROCESO DO LIÑO EN CAMBA...
https://es-la.facebook.com photos


NOTAS:
1. Poemas de Euxenio Montes a Madame Sarita Zelmanowich, Ribeira de istes meus versos. Nós, ano IX, T II (1927), n.47; p.8-9.

Anexo 1

Biografía do liño

(Cántiga de espadelada)
Vinte nacer miudiño,
vinte, mozo, namorar.
Vinte morrer de velliño
e por serche fidel, liño,
aínda te vin enterrar.

Bautizo
Bautizo do liño.
Don Sol é padriño.
¿Quen é a madriña?
É Doña Anduriña.

Brinca a primaveira
E a lúa lueira
Baila unha muiñeira

Namoro
O liño ten unha moza.
A moza é unha branca frol.
A branca frol non-o quere,
porque quere ô vento mol.

Viva o liño, viva a noiva,
Viva o vento, viva o sol.

Morte
Ehí ven o tempo de mazar o liño.
Ehí ven o tempo do liño mazar.
Ehí ven o tempo en que as follas do millo
todas ispidas se queiran bañar.
Ehí ven o tempo en que as noites peneiren,
bicos e apertas na súa peneira.
Ehí ven o tempo en que leve o río Miño.
lúas ô peito, como unha santeira.
Bailan os fusos
bailan as rocas
e os pés do vento
e as mazarocas.

Bailan as rocas
e as espadelas
e as maus da iauga
e as maus das vellas.

Enterro
O señor liño é morto
-que delor, que delor, que pena-,
As follas dos amieiros
por il chorando están.

Responsan como cregos
-que delor, que delor, que pena-,
responsan como cregos
as fontes do lugar.

París, no Sant-Iago do 1927
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES