Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 24 de junio de 2022
Facendo que fan

Pingas de Orballo Xa cheguei a onde tiña que chegar e xa sentei onde tiña que sentar. Agora vou tomar o que teño que tomar. Con isto xa dixen moito. Pero teño máis cousas que dicir. Que empeza a chover. Máis ben a marmañar. Que unha pomba anda de mesa en mesa e que Juan Manuel Moreno, o flamante gañador das eleccións andaluzas, cometeu o mesmo erro que cometen a maioría dos políticos por acadar algún voto ou, mellor dito, por chamar a atención. Hai uns días asomaba nunha foto á beira dunha vaca, como dando a entender que sabía do asunto gandeiro ou que defendía ó sector agrícola.
En Galicia temos moito diso. Mesmo creo que demasiado. Lembrades aquel xesto do ex flamante presidente da Xunta, Núñez Feijóo, coa mangueiriña de casa intentando apagar unha inmensidade de incendio que tiña pegado ós pés? Lembrades aquela actuación do ex conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, saíndo nun vídeo no que denunciaba a contaminación dos ríos, no momento en que collía uns farrapos para ensinar tal porcallada, pero traizoándoo despois o feito... o feito de volvelo tirar ó río? Hai que ser pasmóns, carallo!
Os políticos son moi propensos a retratarse facendo que fan, cando, na realidade, nin tan sequera saben onde están. Non é coma min, que souben chegar, souben sentar, souben tomar o que xa tomei e, como non, souben dicir o que tiña que dicir e dixen. Moi ben dito, por certo. Para ego, o meu. Non vou ser menos ca eles. Xa veredes; mañá póñense a cavar unha leira que xa está arada.

Sobre dous apuntes

Pois a ver se aguanta a tarde sen chover. O tempo este non está nada católico. Hai dous días andariamos polos 40 graos e hoxe con chaqueta e... e aínda así cómpre ben. Si, aguántase; o peor é se chove. Se chove teño que fuxir coma un can doente porque estou na terraza dun café. E se escapo deixo de escribir. Se deixo de escribir Pingas de Orballo non saberedes o que quería dicir. Non procede deixarvos en ascuas ou co verme no corpo. Claro que, tamén é verdade que moito que dicir non teño.
Podo comentar e comento dous apuntes que teño por aquí anotados no caderniño que reciclei. Un versa sobre a nova de que case un 10% de alumnos de secundaria intentaron suicidarse. Isto é terrible! Porque entendo que a nova se debe máis ós abusos que ó fracaso nas notas. Antes, os abusos versaban tan só nos insultos e nas malleiras (non meto aquí os abusos sexuais porque iso xa non serían abusos, senón que serían actos criminais). Agora os abusos tamén proceden dos móbiles, ou sexa, das redes sociais, onde non fai falta unha malleira para fundirlles a existencia, chega cun simple comentario despectivo ou algo semellante.
O segundo apunte versa sobre que algúns labregos e en algúns lugares xa volven arar as fincas con animais para aforrar o gasóleo das máquinas. Eu xa levo uns días dicindo que moito coidadiño coa volta dos burros. Ó mellor non tardamos en botar man deles para que nos transporten dun lugar a outro.
Ale, agora xa pode chover, que aínda que fuxa, xa escribín para dicir o que tiña que dicir e para que saibades o que quixen dicir.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES