Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enchente da Porta de Cima

miércoles, 15 de octubre de 2008
Enchente da Porta de Cima Recibo por partida doble a foto da rúa vilalbesa da Porta de Cima inundada. Nacín na segunda casa da esquerda. Nunca tal vin. E xa choveu.

E o certo é que esta inundación impactoume. Non me asombran feitos coma este, e bastantes máis graves, cando ocorren en zonas do estado español nos que as choivas non son habituais, nos que as augas non teñen por onde escorrer axeitadamente, e nas que se ten edificado en lugares impropios como as zonas por onde pasaban as avenidas cando diluviaba, as famosas torrenteiras que só levaban auga de cando en cando, pero levábana. E cando a auga non por onde fluir, derruba o que sexa pero busca a saída.

Pero en Galicia habitualmente non pasa nada desto. Aquí estamos afeitos a ver chover, mesmo que caia en determinados momentos moita auga. E cando chove, a auga escorre polos lugares habituais, de xeito que por moito que chova o rio que corra máis preto recolle toda a auga.

En Vilalba, chámame a atención que se inunde a Porta de Cima ou calquera outra rúa, tendo en conta que por calquera sitio se escapa a auga para chegar ó río seguindo o natural cauce costa abaixo.

Esta miña rúa téñena levantado máis dunha vez, co conseguinte retoque ás canalizacións que vaian por baixo. Lembro que cando era pequeño o pavimento da rúa estaba formado por lanchas monumentais de máis dun metro de lado, que logo foron levantadas para cubrir todo con cemento pensando que era máis moderno, máis limpo, máis lucido, sen ter en conta que xa os romanos coñecían o cemento e cando construían con pedra por algo sería. Daquela, o máis que podíamos contemplar na rúa eran os ollos que se formaban cando chovía ben, ollos que seica significaba que inda ía chover bastante máis.

Durante a época do cemento, algunha vez furaron na rúa para algunha obra que non lembro... Quizáis para tendidos eléctricos. Polo que fose durante anos a rúa conservou cicatrices lonxitudinais que lembraban o acceso ó subsolo diante das nosas casas.

Pois despois da época do cemento, volveu a pedra pero xa nunca foi o mesmo. Pero polo menos mellorou algo esta rúa que resulta ser vía pola que pasa o Camiño do norte a Compostela.

Non lembro -e xa teño memoria de máis de medio século- que tiveramos problema coa auga por moito que chovera. E xa se sabe o que din os máis vellos de que antes chovía moito máis ca agora.

Quizais non había problemas porque cando chovía sempre había alguén que cun raño ou simplemente cun pau acudía á rella que lle quedaba máis de perto e furaba con xeito para que o desaugue funcionase correctamente. E funcionaba. Agora, vese que ou non hai veciño que acuda co raño a levantar a rella, ou a rella non traga como debera.

Parece ser que o concello vilalbés ten xa contratadas obras de mellora para a canalización nun tramo da porta de Cima, que outras obras en rúas adxacentes tamén van beneficiar a que as augas non inunden a Porta de Cima, e mesmo que a compañía R, que fará o tendido na rúa para o seu servicio de televisión e teléfono, van poder conseguir que a histórica Porta de Cima non volva ter enchentes.

A ver se é verdade, porque é unha vergoña que en Vilalba se inunden as rúas agora que a técnica parece que pode con todo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES