Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 21 de junio de 2022
O vestido azul

O sol segue a caer (sen moverse do sito) con tanta forza que, el, o home, intúe e case asegura que a temperatura roldará os 40 graos. El e ela están cerca. Tan cerca que caen na conta de que poden mirarse de esguello. De cando en vez míranse de esguello. Cando non se miran ós ollos, el busca a transparencia do vestido azul dela. Ela quizais soñe polo universo, porque o seu goce é inmenso. O goce de imaxinar, e Pingas de Orballo soñar, e facer. El, en principio, non fai nada. Pensa. Pensa na nostalxia dun 12 de abril, por exemplo, e no vaivén dun sentimento baixo a sombra dun salgueiro.
E volve mirar de esguello. Ela fai o mesmo. Crúzanse as miradas e no ruído só hai silencio. O aire move un pouco o vestido azul e os versos riman para completar o poema. Sempre haberá momentos nos que a melancolía asentará tras os latexos. Porque dous corazóns latexan e o silencio é coma un berro seco.
El busca o sorriso dela e ela reflíctese nos ollos del. O tempo..., coma se se detivera. Pero non se detén. Todo flúe ó compás do bambán do vestido azul. Os cachos, si, a transparencia amosa a felicidade marcada por un anhelo, por un devezo inmenso. Coma o universo. Porque hai desexos que se bifurcan polas ansiedades do ser e querer, e que cabalgan mesmo ata o propio inferno.
Outra mirada de esguello máis. Outro cruce de olladas. El non sabe se ela berra cos ollos e ela ignora se os latexos del quedaron en silencio. Mentalmente, asegúranse un ó outro que se detivo o tempo. Porque o vestido azul tamén envolveu todo o seu universo.

Rumiar e berrar

Na distancia, no tempo, no alto dun outeiro e baixo un ceo vermello, Eliezer Campaña, O Sabugueiro, rachou o silencio cun berro seco. Un berro tan forte, tan intenso e tan seco que se lle estremeceron as mesmas entrañas. O Sabugueiro quedara sen esperanza. E iso que sempre se dixo que a esperanza é o último que se perde. O berro rachou as noites de entresoño e as historias dos contos ou os versos dos poemas. Pingas de Orballo O berro foi coma ese naufraxio en alta mar que te deixa a piques de afogar.
Eliezer, O Sabugueiro, antes do berro, rumiou na soidade do tempo que non corre; ou que voa. Rumiou as idas e vidas, os truques e retruques, as bromas e as liortas, os sorrisos e as tensións mentres o tempo, agora si, non pasaba. Antes do berro seco, soubo que a intensidade dun soño, dun desexo, dun efecto, dunha acción, dun vivir pasaba xa a ese recanto da memoria no que se gardan as frustracións, as imposibilidades, as putas esperanzas cegadas, mudas, matadas, mortas.
O Sabugueiro, no alto do outeiro, volveu berrar como só berran os condenados, os ineptos, os sacrificados, os inútiles, os cagados de medo... Berrou para os catro puntos cardinais e rumiou os anhelos que xa non son, as nostalxias que lle seguirán rabuñando as entrañas e os sentimentos que afogan nun naufraxio enorme, eterno e sen volta. Nin un maldito illote ó seu arredor ó que poder agarrarse. O Sabugueiro berrou de tal maneira que o berro cruzou mares e océanos, distancias e tempo, rachou con forza o silencio e... e todo volveu quedar en silencio. Eliezer, O Sabugueiro, baixou do outeiro.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES