Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (13)

viernes, 24 de junio de 2022
Valuro non procede de Valetudo

Isaac Rielo Carballo escribe na súa "Aproximación histórica ós míticos Baluros ou Valuros": "Sen dúbida que os baluros non eran máis cá correntes esmoleiros, quizabes os máis deles magoados por doenzas xeradas por traumatismos dalgunha das súas extremidades como mans, pés ou brazos". Con arreglo a este parágrafo, xa dixemos que os Valuros non eran esmoleiros, senón que era unha tribo que estaba espallada por toda a Terra Chá, denominada tamén Valura ou Valuria. Rielo Carballo segue escribindo "De aquí o de valetudinarii do que derivou valuro ou baluro, persoa doente. Doenza da que se aproveitaban, alén doutras males artes, para moveren á piedade os sentimentos e as vontades dos parroquiáns".

Neste segundo parágrafo, o autor pretende derivar a etimoloxía de Valuro do sambenito A misteriosa e incógnita Valura (13)que a mesma Igrexa lles colgou ao longo dos séculos tratándoos de esmoleiros, cando a realidade é ben outra.

Valuro, penso, que de ningunha maneira pode derivarse de "valetudinarii" porque sería imposíbel, o único étimo do que se pode derivar é de "valetudo, valetudinis", cos significados de "saúde" (boa ou mala), "enfermidade" ou "ser atacado por algunha clase de enfermidade", pero tampouco cremos posíbel que proceda deste étimo debido a que as palabras na lingua romance proceden do acusativo "valetudinem" e nunca do nominativo "valetudo".

Coidamos logo, que se foi buscar o primeiro étimo latino que concordara co significado parecido a esmoleiro ou persoa de pouca saúde que pide esmolas, mais isto está fóra de toda lóxica.

Xa vimos como Don Manuel Becerra dicía que era fillo diso que chaman a "baladura", que é a palabra que con toda seguridade orixina a aparición de Valura, ou Valuria como diría Aquilino Iglesia Alvariño; por tanto, o primeiro etimo e significado foi o xeográfico, é dicir, xente que vive na Valadura das montañas que delimitan e pechan o val chairego e que orixinou "Valura", e despois da denominación xeográfica, e non antes, aparece o xentilicio "Valuro", que é un adxectivo relativo ao lugar de nacemento, mais tamén, e posteriormente, relativo á liñaxe ou raza á que pertencen os habitantes de entre a "Valadura" das montañas ou "Valura".

A Valura, orixinariamente é un nome, o mesmo que o de "Terra Chá", referido á orografía do terreo, a primeira referida aos "valados montañosos ou montañas" e a segunda á "planicie chá" do terreo, de tal maneira que se a Terra Chá produce o xentilicio de Chairego; a Valura orixina o xentilicio Valuro, ou habitante da Valura ou Valuria -mais nunca de "valetudo"-, que posteriormente pasa a ser a tribo ou a "gens" propia dos Valuros, ou habitantes da Valura; por iso, nunca debemos derivar o étimo de "valetudinarii", nin de "valetudo" xa que quen xurdiu antes foi a nosa nai A Valura ou Valuria, e os fillos da Valura son os Valuros.

Resumindo: Valura procede de "vallatura" e aos que viven na Valura chámanse Valuros, por iso Valuro, xamais é unha palabra procedente de ningún étimo latino senón que é creada para nomear aos habitantes que moramos na Valura ou Valuria.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela


NOTAS:
RIELO CARBALLO, Isaac.- "Aproximación histórica ós míticos baluros ou valuros". Na presentación do libro de poemas "Valuria" de Xosé Otero Canto. Castro de Rei, 28-02-2016, páxs. 6-7.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES