Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (12)

viernes, 17 de junio de 2022
Os Valuros non son esmoleiros

O pobo Valuro, tan temido pola Igrexa católica, non é un pobo esmoleiro como a tal Igrexa pretende clasificar e ao mesmo tempo colgarlle este sambenito aos habitantes da Valura ou Valuria, que abranguería a todos os concellos da Terra Chá, terra abondosa de auga e chea de herba e pastos que cando sopra o nordés semella un mar de ondas alixeiradas polo vento, moi boa para a gandeiría -como se testemuña coa produción de leite na actualidade-, terra que tiña moito campesiñado que vivían do seu traballo e do autoconsumo practicado ao longo e ancho dos séculos, o mesmo que o resto dos pobos da Galiza, traballarían as terras e recollerían as colleitas cando chegase a hora e a natureza o tivese a ben e aínda habería oficios recoñecidos ao longo dos séculos e establecidos nunha serie de lugares e aldeas identificadas polo seu bon facer como se deixa entrever nesta poesía de Manuel María na súa obra máis coñecida "Terra Chá".

"Agora estou lonxe e teño señardás
. . .
do gando que pace polas Brañas;
dos oleiros de Bonxe e Silvarrei;
dos zoqueiros de Loentia e Formarán;
e dos brutamontes calados e solemnes,
que baixan dende a Corda e San Simón,
vender os queixos louvados a Villalba
pondo unha nobre gravedade nos feirós."

Por iso non tiñan necesidade de ser esmoleiros. Esmoleiros serían os que estaban na montaña debido á dificultade para afrontar os traballos e por iso serían os que viñesen para Colonización da Terra Chá e deixasen as montañas de Fonsagrada, Negueira de Muñiz e outros lugares costentos e dificis de traballar, pese a todo o que digo, Isaac Rielo Carballo, influenciado pola Igrexa e, se cadra, pola súa profesión, manifesta que "sen dúbida, que os baluros non eran máis que correntes esmoleiros, quizabes os máis deles magoados por doenzas xeradas por traumatismos dalgunha das súas extremidades, como mans, pés ou brazos".

Evidentemente nós non podemos estar de acordo con estas ideas que lle interesaban A misteriosa e incógnita Valura (12)expoñer ao mundo relixioso porque os Valuros son un pobo, unha tribo e na tribo hai máis que os magoados polas doenzas e lisiados por traumatismos, haberíaaos en toda Galicia, non habería máis que ir ás feiras da época ou acudir ao San Froilán ao Lugo de non fai moito tempo ou ás San Lucas de Mondoñedo. Estes serían tan só unha pequena parte do pobo Valuro, pero non todo, non se pode tomar a parte polo todo, porque en tal caso, estamos trabucando e confundindo, e dividindo ao resto do pobo Valuro, que con tales apelativos tratarían por todos os medios de que a eles non os sinalaran co nome de Valuro. Asunto que nos levaría á desaparición do termo, e incluso, como vimos máis atrás, a non saber cales eran as Montañas Valuras, citadas por varios autores, e que nos levaría tamén a silenciar calquera cousa que tivese que ver con eles. Cando, o que isto escribe, era pequeno, falábase de que aquel ou estoutro eran valuros, pero, cousa curiosa, dicíase en voz baixa, como querendo tapar unha realidade, e ao mesmo tempo, ese valuro non pedía e era traballador, e xeralmente tiña dabondo para vivir e as xentes da parroquia dicían que era rico, mais nunca esmoleiro.

Podía ser que na Valura ou Valuria houbese máis esmoleiros que noutras comarcas, é posíbel, e habería que buscar as razóns desta situación á que chegarían estes Valuros, porque o que se di pedir, ninguén pide porque si; se se pide, é porque fai falta, e cal podería ser a razón de que neste pobo houbese máis esmoleiros cá nos outros?

Vimos como a Igrexa tiñalles declarada a guerra, e non sen razóns para eles, porque non eran crentes co que a Igrexa predicaba e esa teima por parte dos bispos á procura A misteriosa e incógnita Valura (12)de Valuros e esas declaracións de excomuñóns, que feitos levaban consigo e que efectos producían no excomungado?

Excomuñón significa poñer a un individuo ou grupo fóra da comuñón. A excomuñón pode implicar o desterro, o rechazo e a vergoña. Este acto grave revocaríase mediante un arrepentimento manifesto, cousa que os Valuros nunca farían. Alguns deles, pensamos, que diante desta situación de desterro e vergoña por parte da Igrexa, non lles debía quedar outra situación máis que marcharse fóra do seu concello e dedicarse a esmoleiro e a tratar de facer todo o mal que puidesen a quenes os desterraran. En troques, se os Valuros se enfrontan directamente coa Igrexa porque eles son tamén oficiantes da súa propia relixión, que según parece, é como unha escisión da mesma Igrexa católica e que nos acerca ao priscilianismo, entón, perante o paso dos séculos, veremos a un pobo que loita polo seu e pola súa manifestación relixiosa e polos seus costumes ata formas insospeitadas de loita, mais non todos os Valuros son esmoleiros, nin todos os esmoleiros son valuros, aínda que por algunha razón, se cadra, houbese máis valuros esmolantes que as xentes doutros pobos ou tribos máis sometidas á nova relixión propiciada pola Igrexa actuante e antipriscilianista.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela


NOTAS:
RIELO CARBALLO, Isaac.- "Aproximación histórica ós míticos baluros ou valuros". Na presentación do libro de poemas "Valuria" de Xosé Otero Canto. Castro de Rei, 28-02. 2016, páxs. 6-7.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES