Ola, bo día a todas a todos.
É para min unha inmensa honra ter a posibilidade de participar deste acto de recoñecemento á Dra. Sonia Villapol Salgado.
Permítanme comezar dando os parabéns a Xermolos e a Irmandade Manuel María polo desenvolvemento desta 16ª edición, a todas e todos os participantes neste acto e en

especial a nai e o pai da criatura: Antía Salgado, Fernando Villapol, moitas grazas por facelo posible.
Deixen que faga algo de memoria e lembre como aló no verán do 2020, no eido educativo ao que eu pertenzo, agromaban os medos e as dúbidas, circulabamos polos albores do curso 2020/21 cando de súpeto xa nos atopabamos encetando o mes de setembro e... nos centros educativos xermolaron ducias de bravos nada doados de podar: desta volta o importante xa non era tanto velar polo desenvolvemento das aptitudes físicas, intelectuais e morais das crianzas como si pola contra afrontar un labor asistencial. É nesta situación na que a esperanza, de novo, tomou forma de muller.
Todos os centros educativos de diferentes niveis precisabamos de soporte para desenvolver a nosa principal función de enxertar nas crianzas un desenvolvemento que os faga adultas e adultos capaces de enfrontar sós os problemas da vida. Precisabamos que a escola de novo se adaptase aos cambios da sociedade, e non deixaba de ser o reflexo do que acontecía fóra dela. Fomos moitos, centos os centros educativos que procuramos un coñecemento que amparase as nosas decisións e abofé que o atopamos, topamos coa Ciencia.
A Ciencia, a maior empresa colectiva da humanidade, tomo tal e como recolle a UNESCO. Permítenos vivir máis tempo e mellor, coida a nosa saúde, proporciónanos medicamentos que curan enfermidades e alivian dores e sufrimentos, axúdanos a cubrir as necesidades básicas, subminístranos enerxía, fainos a vida máis agradable, a Ciencia alimenta o noso espírito.
E unha das vías máis importantes de aceso ao coñecemento, xera novos coñecementos, mellora a educación e aumenta a nosa calidade de vida.

A toma de conciencia e o compromiso do grande público coa Ciencia e a participación cidadá, a divulgación científica, son esenciais para que os individuos teñan información suficiente, para tomar decisións razoadas a nivel persoal e profesional.
Para afrontar os desafíos do desenvolvemento sostible, gobernos e cidadáns teñen que entender a linguaxe da Ciencia e adquirir unha cultura científica. Namentres... Paciencia pa Ciencia.
Preguntas que é a Ciencia?... A Ciencia.... a Ciencia é unha muller de Bretoña. A Ciencia é ... Sonia Villapol Salgado.
- Ben deitamos de ti.
- Líbrenos de absurdezas terraplanista ... unha chairega.
Coa licenza de quen procesa devoción pola chaira sen pertencer a ela permítanme confirmar que...
...a vida de Sonia é apracible como lle corresponde a unha persoa da bondade do señor Lamote. Si teño o pracer de pertencer a esa xeración de cativas e cativos que con Sonia recibimos o bautizo das lecturas en galego de man da Xeración Lamote.
Unha por unha Sonia resolveu e seguirá resolvendo as dúbidas que nos foron xurdindo nesta encrucillada que nos puxo a vida do mesmo xeito que aqueles cinco rapaces encontraron ao responsábel do anormal comportamento do reloxo de Eiranova no Misterio das badaladas.
Acompaña a Alba na súa apaixonada crítica a destrución da natureza e a manipulación informativa reflectida nas flores radiactivas.
Ben aquelada tristemente lle queda aquela...
Agora coa democracia
veu o dereito a votare
o dereito é para mulleres libres
a nosa liberdá emigrare.
E procesa que
O POVO que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente súa,
está empobrecendo ó mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
Mais por fortuna Sonia...
Xa deixa semente de vencer.
Moitas grazas Dona Ciencia, moitas grazas Sonia.
(Palabras de Guillerme Rodríguez Osorio en Vilalba, no Muiño do Rañego, o 11 de xuño de 2022, na homenaxe á neurocientífica chairega de Bretoña Sonia Villapol, ao serlle erixido o 16º Hectómetro Literario no vilalbés PASEO DOS SOÑOS, pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá).
Enlace ao currículum de Sonia Villapol Salgado