Observatorios
Editorial - martes, 14 de octubre de 2008
Unha comisión, esa era a solución ata hai pouco tempo para que determinado asunto permanecese de actualidade pero non tivese solución. É máis, entre a clase política e a informativa, existía a firme crenza de que para que un tema quedase definitivamente estancado o ideal era a creación dunha comisión que tentase solucionalo.
Agora parece como se as comisións quedaran arredadas e se puxesen de moda os observatorios.
A Deputación provincial de Pontevedra crea o primeiro observatorio turístico de Galicia, con ámbito provincial, que empezará a ter actividade pública a comezo do próximo ano.
Estaba prevista para despois do verán a creación dun observatorio para o control da construcción en Galicia, para o coñecemento da infraestructura empresarial do sector e como definitiva medida de seguridade para os adquirentes de vivendas.
E como estes, outros que xorden por Galicia adiante como panacea para os máis diversos temas.
Os observatorios verán, analisarán, pronunciaranse, aconsellarán, e o seu traballo plasmarase nun documento de traballo para algunha comisión, autoridade, e finalmente para algún medio informativo que ou fará un apresurado resumen ou gardará como recheo para calquera momento de escaseza informativa.
Antes comisións, agora observatorios. Ben empregados, xeitosos medios para a consecución de información e posterior toma de decisións. Pola experiencia, mecanismos que utiliza a burocracia para dar a sensación de que todo se move para que nada cambie. E sen embargo, poden e deben ser de utilidade.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora