Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Feiras e festas do Páramo 2022

martes, 14 de junio de 2022
Feiras e festas do Pramo 2022 Autoridades autonómicas, provinciais e Alcalde e membros do concello do Páramo, señoras e señores, amigas e amigos: Permitídime en primeiro lugar felicitarvos por facer do Páramo un punto de referencia, un centro do mundo comercial e rural, por poder vivir hoxe esta histórica xornada na que se abre a 44ª edición das vosas feiras, incorporadas con pleno dereito ao calendario de feitos transcendentes das terras de Lugo.

Fun pregoeiro das vosas Feiras e Festas en 1984, sen saber que o ía ser de novo un cuarto de século despois, en 2009 e menos aínda que trece anos despois voltaría a este oficio de pregoar, pola vosa amizade e demostrada hospitalidade. Decía eu no 2009, que ogallá vintecinco anos despois me puiderades chamar e puidese vir, pregoeiro ou non, para ser testemuña dos vosos progresos.

Como non é cousa de poñerse farruco co calendario e as forzas, non digo nada para dentro de vintecinco anos, que a saber como me tratan os deuses da fala, pero estou ben ledo de estar aquí, neste templo da natureza, neste contorno especial - cápsula de enerxía, de traballo, de milagro comercial – que é permanente lección maxistral do que poden conseguir os humanos cando aproveitan os talentos que proporciona a natureza, a historia, a unión e o traballo… que demostra que os milagros existen. E hai que crer neles. Pero para que haxa milagros, alomenos nestes tempos, temos que poñer da nosa parte determinadas (chamémoslles) virtudes, capacidades, esforzos… e, entón, os milagros non só son posibles, senón que son predecibles, evidentes e practicamente garantizables.

Parto da base que esto do Páramo que hoxe vivimos é un deses milagros dos tempos modernos, experimentado e mozo, camiño do medio século coa frescura e a forza da mocidade; coa experiencia e sabedoría que da a veteranía. Pero antes de falar deste excepcional acontecemento, permitídeme achegarme a esta terra e a esta Feira facéndolle as beiras precisas para situala no noso mapa mental.

O xornal El Progreso o mércores, 1 de xuño, deu a nova – destacándoa ben, por certo, como merecen as feiras, non o pregoeiro - de que eu ía ser o voceiro deste acontecemento comercial e social, e mesmo antes de que eu vise a nova no xornal, desde a Coruña o escritor de Castroverde José María Gómez Vilabella felicitoume escribindo: "O día 10 non te equivoques, que non vas ao Páramo, aquel Páramo xa non existe pois os seus moradores, de laboriosos que son, converteron aquela parameira nun verxel."

E eso fíxome pensar que viaxando por terras máis áridas ca as nosas, pódense ver letreiros que nos falan de "Santa María del Páramo", no Páramo leonés; "Valcabado del Páramo", "Roperuelos del Páramo"… E un comprende que aquelas denominacións non fan máis que responder ao que se chama un "páramo", terreo plano, ermo, desabrigado, xeralmente elevado… que se formou cando se erosionaron os macizos, e os ríos se encaixaron nas partes máis baixas…

E cando os páramos se suceden, en conxunto reciben o nome de Parameiras, sendo as máis nomeadas as de Ávila ao norte da serra de Gredos, ou as de Molina en Guadalajara, confirmando que nas parameiras non hai árbores, só matorrais e as plantas pobres e escasas…

Visto está que este Páramo noso non corresponde no concepto habitual da páramo ou parameira… Hai un páramo alto e pedregoso en Ribeira, e outro no Irixo en Ourense… E hai este, propiamente lucense, con tanto que agardar, con tanto que ofrecer.

Na web de turismo da Xunta de Galicia, baixo o título de “Qué visitar no Páramo”, no noso, aparecen sete elementos esenciais: tres igrexas: San Salvador de Vileireiz, San Xoán de Friolfe e Santo Estebo de Grallás…dúas construcións civis: os pazos de Paredes e Vilafiz, e dous espazos naturais: A Rede Natura 2000 Miño-Neira, e a Reserva da Biosfera "Terras do Miño".

Xa temos un Páramo non páramo, con natureza, pazos señoriais e igrexas monumentais… habitada desde hai milleiros de anos, con castros en Friolfe, Gondrame, Moscán ou Piñeiro… con xentes que soterraron aos seus maiores en medorras na Gándara ou Torre, que serviron a señores que vivían na Casa de Neira ou de Sarmiento, no pazo de Camba ou na torre da Barreira… que cando nos concilios se trazaban mapas para entrar na historia, un concilio en Lugo, hai case mil cincocentos anos, no reinado do suevo Teodomiro, fixo nacer para a historia o Condado Paramensis.

Pero da historia desta terra falei no meu pregón de 1984, hai 38 anos, cando moitos dos presentes non nacérades, ou andariades xogando arredor dos carballos ou nas atraccións festeiras que seguro non eran tantas nin tan variadas como as de hoxe. Eu daquela, pai de dous fillos, xa non me consideraba un rapaz coidando que trinta e sete anos xa me facían maior.

No pregón de 2009, falei dos carballos, da súa forza, perennidade, simbolismo, de como reflicten o carácter da xente da nosa terra: apegados a ela; cerna por dentro, samo por fora; con vocación, senón de eternidade, si de permanencia multisecular, de garantía de firmeza e presencia…

E para non volver aos mesmos temas, coidando que a historia e os carballos son dúas das vosas grandes posesións, ocorréuseme vir antonte pola mañá ata este campo da feira por se nel xa se notaba algunha actividade que demostrara preparativos para o o que hoxe comeza.

Vin desde Lugo demoradamente, disfrutando da mañá e da paisaxe… E polo camiño vin parando, para tomar nota do que me ía sorprendéndo. E anotei "bosque envolvente", "árbores conquistadores do espazo", "paisaxe luxurioso" (agora o calificativo paréce ridículo, pero coido que non é cousa de modificalo), paraíso natural – un especial e verde shangri lha- que cando a primavera está punto de entroncar co verán abre as súas portas para todos os que saben onde hai que ir…

Nesta breve viaxe conformouse este pregón, pregón prácticamente in situ, porque o ambiente que na mañá do mércores percibín foi, senón como se fose a primeira vez que aquí chegase, si como a evidencia do tremendo impulso das xentes do Páramo para avanzar de xeito imparable.

Once da mañá do mércores… Unha brigada de traballadores limpaba, regaba, colocaba, traballaba para poñer a punto o campo da feira… montábanse casetas, colocábanse xigantestos tractores ao lado de artiluxios que eu non sabía que existían ou para que serven… numerosas casetas festeiras estaban sendo montadas, e pequenas carpas, ducias de bancos corridos, os pendellos rodeados de vida.

Decidin que para mellor ver o que cambiara o campo debía bordealo polo exterior para obter todas as perspectivas posibles. Notei a modernidade da rúa que pisaba, as construcións novas, os novos establecementos… Non ousei aparcar no espazo pavimentado… e púxenme a mirar con ollo escrutador o que ao redor contemplaba.

Xunto ao letreiro da báscula municipal, proba de inxenio popular na pintada que proclama: "Santiago de Compostela, 103 km." "Marte, 103 millóns de kilómetros".

Sigo camiñando e facendo fotos… sei que parezo un turista despistado. E nun dos vértices do campo vexo, nun panel, unha foto dun dos pregoeiros destas festas: Arcadio López Casanova. E souben que tiña que falar hoxe aquí deste poeta, amigo que se nos foi o 11 de abril recén cumpridos os 80 anos, aínda que para todos os que sabíamos del e da súa poesía seguía a ser un dos Novísimos da literatura galega que abrollou á poética naqueles milagrosos anos sesenta, marabillándonos polo novo renacemento da literatura galega.

Arcadio, paramés confeso, afirmaba que estas terras "marcaron a frente longa e fermosa" da súa infancia en San Martiño do Páramo, e no seu libro "Palabra de honor" salienta que despois da súa etapa paramesa da nenez, ao volver ao Páramo "unha forza extraña movíame a ir percorrendo dias e días, camiño que eu tiña na lembranza, pero baleiro de significación", ata que "sucedeu o milagre.../… súpetamente atopeime home riba daqueles sucos, home que escoitaba un puro e limpo cántico da infancia, dunha infancia, dun mundo, perdido irremisiblemente", para concluir: "Escribín moito (primeiro leve tatexo, logo con seguranza) e decateime de que o Páramo, aparecendo en imaxe por tódalas bandas, chegou a significar nos meus poemas GALICIA".

Palabra de Arcadio, en "Páramo, si relembro…"

Cando abro a fiestra da mañá e me chega
un ar limpo de outono dende o Páramo
e vexo a terra aberta en sucos, cómo
pechar entón os ollos e volvere
a aqueles anos nos que a xente andaba
entre alambradas, co fusil (a Historia
estudieina sin libros moitas veces)
.../…
I é que a mañá de novo éntrame cando
aparez xa dourada polo outono
a longura do Páramo e contemplo
Santa Andrea, Piñeiro, San Martiño,
Vilarmosteiro, Angadas, Reboreda,
Ardeverde, Trebolle e boto a andare
por istas terras de onte, pronunciadas
nun silencio de Carmen, baixo un sol
amencido para tempo de ledicia.

Noutro poema lembra:

"E si era fermoso
andar polos camiños
do Páramo: Quintela,
Parapar, San Xuliao,
Vilar de Penas, Rodo..."

E como un testamento prematuro, velaquí os seis últimos versos daquel libro de 1967, "onde se pecha a palabra":

Déixovos todo: nomes e lembranzas,
ledicia, dor, amor, poucas espranzas…
(canto era meu i aínda está comigo).
Non levo nada: soio iste calado
corazón, para que o dia sinalado
da propia morte sexa fiel testigo.
…..…..…..……..………..…..….………..…….………….…..……...
Para o paramés Arcadio López Casanova, pídovos un aplauso.
………………………………………………………………………...

Completei o circuíto, e atopei envolto un monumento de pedra blanca no que non puiden ler o texto pero si ver o perfil de Jesús Méndez, que foi secretario do Páramo, e impulsor da Asociación de Amigos do Campo da Feira e da propia Feira...

Feiras e festas do Páramo 2022Foi nos primeiros anos de funcionamento da feira cando coñecín ao seu promotor, cabeza visible durante anos, que era Jesús Méndez, chairego que fixo de Páramo a súa casa, os pendellos punto de referencia para a súa actividade profesional e persoal, e das feiras, especialmente a da primavera, esta na que estamos, a súa vocación.

A un secretario de concello hai que esixirlle coñecemento, querencia, desvelos polos temas que pasan pola súa man… pero o que non se lle pode pedir é que colla unha bandeira e leve adiante unha misión, como Jesús Méndez, Jesús do Páramo para min, a pesar de que temos común orixe chairega… como Jesús fixo, porque sempre viviu mirando polo Páramo, e a nosa presencia aquí, un ano ou outro, é unha homenaxe permanente.

Era unha mañá, supoño que de xuño, entendo que de 1976, cando Jesús Méndez chamou a Radio Popular de Lugo, onde eu estaba traballando. Chamaba para queixarse porque estimaba que a atención que Radio Popular prestaba á Feira do Páramo non era a axeitada, e consideraba que a emisora tiña que facerlle máis caso á Feira

Eu non coñecía ao que chamaba identificándose como Secretario do Concello, e non recordo como rematou a conversa que non empezara demasiado ben, porque o certo é que case medio século despois Jesús Méndez é un dos meus mellores amigos, fervoroso e entregado, ao que é imposible decir nunca que non, e polo que entendo que se foi facendo con todos os medios o que fixo con Radio Popular é natural que estas feiras sexan acollidas con simpatía e expectación por todos os medios informativos, na seguridade de que o entusiasmo e o traballo están detrás das multitudes, das exposicións, dos talleres, das transaccións, do éxito – en fin – que rodea esta celebración anual.

Non creo que Jesús lembre aquela primeira conversa con Radio Popular de Lugo, nin con quen falou, porque seguro que batallas verbais como aquelas tivo a centos, e o derroche de entusiasmo tenlle colleitado centos de amigos. Este amigo de Jesús pídevos un aplauso para Jesús Méndez.

.………..…..…..…..…..….………..…..…..…..…..….
E rematei antonte a miña visita cruzando polo medio dos pendellos, cavilando que ben podería crearse unha denominación de orixe, rexistro especial de feiras con antigüidade probada, con relevancia e sona en todo o país que teñan testemuña ou aval dos pendellos feirais que acreditan traxectoria e constancia, preocupación, vitalidade por conservar e utilizar os pendellos, para os que habería que pedir completar a definición no diccionario da Real Academia Galega.

Segundo este diccionario,"pendello" é unha pequena construción, normalmente pegada á casa labrega, polo xeral só cuberta polo tellado, que serve de almacén para gardar a leña, o carro, as ferramentas de traballo e outros utensilios. Hai que reivindicar o "pendello" como unha pequena construción comercial, grande en tradición, antecedente lonxano dos novos grandes centros comerciais, habituais en Galicia, das que perviven en lugares moi sinalados…

Un músico de A Golada, pobo tamén con pendellos e tradición feiral, Juan Luis Diéguez, nado en 1980, escribiu unha leda MUIÑEIRA DOS PENDELLOS que ben pode considerarse a música de fondo para a historia destas especiais construcións, e que teñen no seu repertorio case todas as bandas de Galicia, entre ellas unha que nos toca ben de preto… A única banda de Galicia sostida por catro concellos da Terra Chá lucense, a Banda Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, que pecha todos os seus concertos coa Muiñeira dos Pendellos, como un do de peito final...

Lembrando a música funme, satisfeito do que vin, e pareceume que debía decírvolo. E vou pechar este pregón lembrando que Manuel Rodríguez López, o escritor de Paradela que casou con Irene, filla do Macía do Páramo, conversaba en 1988 con Maruxa Besteiro Silva sobre as Feiras do Páramo dos anos trinta, e ela confesáballe:

"Non hai en Galicia campo de feira coma aquel. Ao Páramo sempre lle quixen ben porque alí tiñamos moitos clientes que eran grandes amigos. Sería polo ano 35 cando iamos ver como O Cheirón, un dentista clandestino, arrincaba as moas ós paisanos sentados nunha banqueta debaixo dun carballo; paréceme estar vendo ó Félix e á Ramona que retrataban ós seus clientes cun armatoste montado sobre un trípode; un cego de Maceda que tocaba o violín e vendía coplas; o Domingo, tío da miña nai, que andaba ofrecendo rosquillas e copas de augardante; os augadores, cun garrafón de auga ó lombo preso por unha correa; os rosarieiros de Rodeiro, o Antonio e o Avelino, que vendían rosarios, chisqueiros, o Repertorio Zaragozano, O Gaiteiro de Lugo e almanaques de parede; a Cambota, que levaba a sorte do paxariño; a Rosario dos lagartos e culebras, que vendía pomada para curar o reuma, a Adiviña, que botaba as cartas..."

Destas lembranzas hai 87 anos… Eu desexo, agardo, que dentro doutros 87 (no 2109) alguén lembre as entrañables, magníficas, grandiosas Feiras e festas de Primavera do Páramo deste ano 2022.

(Pregón de Xulio Xiz pronunciado no Páramo, na inauguración das XLIV Feiras e festas da Primavera, o 10 de xuño de 2022)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES