Xesús
Santalla, Iago - miércoles, 15 de junio de 2022
Hoxe toca felicitar a un home bo e xeneroso que onte xa espertou en 95 primaveras: Xesús Castro Vidal. Nado en Riobao alá polo 1927. Traballador de nacemento, desenvolveu diversas profesións mais este home fixo moito máis que erguer un fogar: loitou pola liberdade e a dignidade dun pobo, Sada, dende a barbarie do 36 ata o restablecemento da democracia, pasando por aquela infame moción de censura que xuntou á xente de ben na Plataforma pola Democracia en Sada.
Ter amigos así é un regalo da vida porque, neles, veñen moitas ensinanzas que se transmiten en ledicias inmensas. Unha tarde con Xesús debera convalidar por moitas competencias pero sobre todo polas éticas e as emocionais. Son elas (e non outras) as que fan unha persoa de ben. Xesús é un home de ben que nos ensina a andar pola vida con humildade pero non calados, lixeiros pero non baleiros, ledos pero non inxenuos, rexos en valores e capacidade de indignación pero sempre cun sorriso e unha aperta por bandeira.
Obrigado por todo, Xesús: polo exemplo e pola presenza pero sobre todo por esa fraternidade na que nos confortas e nos unes. Nela, sen dúbida, somos un pouco mellores por ti.
Parabéns e de hoxe en un ano, meu amigo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora