Á caza da lebre...
Cabada Castro, Manuel - lunes, 13 de junio de 2022
Á vida nacín chorando,
segundo a xente me di.
Chorando un pranto meirande
ca aquel do quiquiriquí.
Que o galo cante ó amencer,
din que vos é por feliz,
un novo abrente anunciando
dun sol que aleda o vivir.
O rir e o chorar, porén,
andan ás veces ao par.
Hai quen nos di que non sabe
se estaba a rir ou chorar!
Aquel primeiro nacermos
a eidos antes non vistos
foi lóstrego refulxinte
e foxe de ser descrito.
Quen sabe se é este mundo
útero doutro a nacer:
mundo que xera outros mundos
imposíbeis de prever.
Pechado a doutos e sabios,
nel vive sempre o misterio,
inmóbil lebre e tremente
que salta sempre a destempo.
Admiro sempre os que tentan
ver no máis grande e máis leve.
Máis me pregunto así e todo
por que non cazan a lebre...
Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora