Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (11)

viernes, 10 de junio de 2022
Xeografía Valura

Cal é a terra dos Valuros? Que parte da Terra Chá é o lugar ou lugares onde residen os habitantes deste pobo maldito? Para contestar estas preguntas temos que acercarnos ao que nos legaron historiadores, xeógrafos, literatos e outros, chegando á conclusión de que todos eles tratan o espazo propio da súa morada como residentes da Terra Chá luguesa:

- Manuel Murguía comenta que os Valuros vivían cerca das Montañas Valuras, lugar descoñecido hoxe polos habitantes desta comarca.

- Amor Meilán dinos o mesmo que Vicente Risco, sinala a súa zona no concello de Cospeito e englobando tamén ao de Castro de Rei na parroquia de Triabá, mentres que Risco enxergaría dende Xermar ata Ribeiras de Lea e dende Castro de Rei ata a parroquia de Pino en Cospeito.

- Según Eduardo Lence-Santar a Valura comprendería o concello de Cospeito e algunhas parroquias de Castro de Rei, A Pastoriza e Abadín.

- Aquilino Iglesia Alvariño fala dunha antiga Valuria que posiblemente abrazase case toda a Terra Chá.
A misteriosa e incógnita Valura (11)
Como vemos, a capital ou capitales da Valuria serían os concellos de Cospeito ou Castro de Rei os que disputarían a capitalidade ou cabeceira da comarca Valura.

Cremos que quen se acerca máis á xeografía Valura e Isaac Rielo Carballo na súa "Aproximación historica ós míticos baluros ou valuros" ao que seguiremos fielmente, mais somente dende o século XVII, que é cando se pode "tirar do libro de visitas do bispo de Mondoñedo, Navarrete", titulado 'Libro de visita general del Señor Navarrete del año 1700'.

O prelado vai anotando as incidencias, o nome da parroquia, o do cura, e seguenos dicindo Rielo Carballo que "As anotacións verbo dos baluros son o máis concisas posíbel, redúcense a unha palabra "Baluros" ou ao sumo dúas "ay Baluros". Suman en total corenta e dúas e todas na Terra Chá. As freguesías, ás que afectan, atópanse vinte e dúas no arciprestado da Montaña -o máis ao mediodía-; nove no da Azúmara -na cunca do río deste nome ou do Luaces-; sete no de Baroncelle -polo norte-; tres no de Parga; e unha no de Vilalba".
A misteriosa e incógnita Valura (11)
"Estas son, xa que logo, as freguesías baluras" ou que pertencen á "Balura":

ARCIPRESTADO DA MONTAÑA
Ansemar ...................................... San Salvador.
Barredo ....................................... Santo Andrés -anexo de Meda-
Bendia .......................................... Santo Andrés
Bestar ........................................... Santa María
Orizón ......................................... Santa Comba
Damil ........................................... San Salvador
Duancos ...................................... Santa María
Duarría ........................................ Santiago
Felmil .......................................... Santiago
Xermar ........................................ Santa María
Lamas .......................................... San Martiño
Ludrio ......................................... Santa María
Meda ........................................... Santiago
Silva ........................................... Santiago
Sobrada ...................................... Santa María Madalena
Taboi ........................................... San Pedro
Triabá .......................................... San Pedro
Viladonga .................................... Santiago

ARCIPRESTADO DE AZÚMARA
Baltar ............................... San Pedro -anexo de Pousada-
Bazar ............................... San Pedro
Castro de Rei ................... San Xoán -anexo de Azúmara-
Xustás .............................. Santiago
Santa Locaia .................... San Pedro
Muimenta ........................ Santa Mariña
Outeiro ............................. Santa María
Pacios .............................. San Salvador -anexo de Outeiro-
Perbesos ------------------- Santo Estevo

ARCIPRESTADA DE BARONCELLE
Aldixe .............................. San Pedro -anexo de Baroncelle-
Corbelle ............................ Santa María
Cospeito ........................... Santa María
Santa Cristina .................... San Xulián -anexo de Cospeito-
Goá .................................... San Xurxo
Momán .............................. San Pedro
Seixas ................................ San Pedro -anexo de Pino-

ARCIPRESTADO DE PARGA
Gaibor ................................ San Xulián -anexo de Illán-
Santa Locaia de Parga ...... -anexo de San Breixo de Parga-
Saavedra ........................... Santa María

ARCIPRESTADO DE VILALBA
Xoibán .............................. Sal Salvador -anexo de Trobo-

Esta é a situación do pobo Valuro a finais do século XVII e xa entrado o XVIII e recolleito por Navarrete, ao que temos que darlle as grazas por esta escolma ou florilexio da morada Valura, ou as parroquias que aínda no século XVII estarían aínda sen cristianar definitivamente; as outras suponse que xa o fixeran antes desta data, de aí que teñamos que pensar nesta tribo moito antes deste século como xa viñemos dicindo, posiblemente desde Prisciliano cara o século IV, porque se isto ocorre a finais do século XVII e principios do XVIII, danos pé a pensar que ao longo dos trece seculos restantes a presenza Valura abranguería e cinguiría toda a Terra Chá, e tendo en conta que a súa etimoloxía, case con toda seguridade, procede de vallaturam -valadura- valura, e se a valadura non é a propia dos castros, pensamos entón nas montañas que fan valado ou valadura encerrando a planicie que conformaría a toda a terra Chá, isto en primeiro lugar.

En segundo lugar estarían as testemuñas de autores, xa vistos algúns deles, que amentan a esta terra con dous nomes e moitos deles comezando por Terra Valura e logo poñendo a segunda denominacion de Terra Chá. Todo isto fainos pensar que os Valuros viviron e aínda viven entre as montañas Valuras ou chairegas como o mesmo Manuel María nos recorda no seguinte parágrafo:

"A Terra Chá é un mundo pechado sobre si mesmo. Ao Norte está limitada polos Montes de Abadín, polos da Pastoriza, pola Corda e pola Serra da Carba, onde a Pena Guía, Pena das Aguías ou Pena da Guía, ergue a súa testa airosa que lembra o bico dunha ave rapaz. Ao nacente a Serra de Meira, orixe e berce do Pai Miño, a grande, amorosa e rumorosa vea fluvial do país noso. Ao poñente o Cordal de Montouto e a Cova da Serpe, mítica e parda. E polo Sur, o altiplano lugués, os Montes de Fitoiro e a Serra de Outeiro Maior"… esta sería a leira ou mellor dito o curro onde os Valuros terían os marcos das súas moradas e dos seus lugares de traballo.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela


NOTAS:
MANUEL MARÍA. "Cando o mar foi polo río". Fundación Manuel María. Coruña 2015, páx, 9.
RIELO CARBALLO, Isaac.- "Aproximación histórica ós míticos baluros ou valuros". Na presentación do libro de poemas "Valuria" de Xosé Otero Canto. Castro de Rei, 28-02.2016, páxs.. 6.7,
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES