Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Letras de Florencio Delgado Gurriarán (II). A poesía e a vida.

jueves, 09 de junio de 2022
A poesía, esa linguaxe da alma, cando é auténtica vai acompañando a vida, por iso comeza o poeta cantándolle á paisaxe, ás árbores e paxaros, á terra de Valdeorras. E continuará, na guerra, escribindo unha poesía de combate ao servizo da causa.

Bebedeira, a súa primeira obra, publicada no prelo de Nós en 1934, estaría dentro da corrente do hilozoísmo ou imaxinismo con recursos neopopulistas e temática paisaxística (en palabras de Miro Villar). O neotravodorismo tampouco lle é alleo ao poeta e dende el escribe algún poema. Galicia infinda ve a luz na colección Salnés de Galaxia en 1963, Cantarenas aparece publicado en 1981 en Ediciós do Castro, igual que O soño do guieiro que sae do prelo en 1986. Pódese definir como poeta da natureza, do hedonismo con esa querenza pola música e o baile que facilita o pórlle música aos seus poemas, poeta vitalista e poeta da denuncia e o social, daquel compromiso que o levou lonxe, máis alá dun océano, que o separou da Terra que amaba e o fixo reivindicar a Galicia infinda, aquela que ten por fronteira a saudade e chega a onde pise un galego. Algúns falan del como poeta sociolingüísta pola atención que presta á reflexión sobre a lingua nos seus versos.

Da súa presentación na páxina do Consello da Cultura Galega, podemos extraer tres eixes temáticos e estilísticos: a obra lírica e sensual, á de loita e defensa da lingua galega e contra o fascismo, a poesía civil, e a de diálogo e mestizaxe co sistema literario mexicano chea de admiración polo país que o acolleu.

Resaltaba o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que homenaxeando a Gurriarán, se fai un recoñecemento do galego oriental, das terras de Valdeorras, a través dunha poesía que encarna a cultura popular e a relaciona coas vangardas mentres canta a alegría de vivir. Ao tempo, que se pon no mapa das Letras ese territorio, pódese falar dun resistente democrático que se ve condenado ao exilio e, polo tanto, recupérase tamén a eses intelectuais galegos que tiveron que situarse en México e alí crear alicerces que lembraran a patria afastada, a distinta e distante.
Certamente, recoñecéndoo e el recoñécese a todos aqueles que exerceron a lealdade ao país, expatriados da Terra que amaron, da cultura e a lingua que defenderon. Igual esa era a súa verdadeira patria (como dicía Pessoa): a lingua. Pensando neles aínda se prende máis o noso dereito a vivir en galego, a manter as palabras que son paisaxe da alma.

Ricardo Gurriarán, destaca del a aposta por un galego "máis aló da poesía, defendendo o seu uso en todos os campos, desde a medicina ao dereito". Isto, achegaríanos a esa querenza sociolingüista deste autor monolingüe en galego que se declara falante dende o berce, dentro e fóra da casa, a pesar de pertencer a unha capa social normalmente castelán falante posto que o pai era agrimensor e dono de terras. Ese compromiso coa lingua é un dos seus sinais de identidade, unha das marcas que o acompañan ata o final.

Ogallá lembralo, nos traía ademais da súa poesía o respecto por unha vida comprometida e a lembranza de todos aqueles que pagaron co exilio a defensa do país e os valores democráticos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES