Tempo intemporal
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 08 de junio de 2022
Tempo, que foi e non é,
aínda comigo estás:
no avolto ollar dos meus ollos,
no meu repousado andar.
Pequecho nun tempo fun,
un tempo que era sen tempo.
Érao todo o meu lar,
meirande có universo.
Volvino ver logo de anos:
non sei que alí lle pasou.
Estreitáranse os espazos
e a grande altura baixou.
Igualárao nos meus soños
co voo subido dos cirrios,
co sen fin do meu querer,
preso de arcanos delirios.
Ben que mudou aquel tempo!
Minguante e cativo agora,
o grande foise a pequeno
e este aínda minora.
Virá un tempo -non tempo-
no que en voda inenarrábel
río e mar nos uniremos?
Pecha a boca e non me fales!
Vivir será aínda iso?
Axeitada aprendizaxe
dun misterio que se agacha
até a última pasaxe...
Sabedores son os ríos
de augas que veñen de arriba,
as que lle dan vida á troita,
deles princesa e raíña.
Saben tamén das fontenlas
que nacen á súa beira
e de auga limpa fornecen
a eles e á lavandeira.
Dende o mar no ar levada,
a el volverá de novo,
auga leda e dubídante,
degoirando un mar sen fondo.
Tempo nacido do eterno,
déixate por el levar:
é brisa mansa e orixe,
resposta a todo buscar.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora