Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espírito transformador

domingo, 05 de junio de 2022
Pentecoste é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós "cincuenta" días posteriores á Resurrección do Señor. Un número de días que, tamén aquí, non se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. Un día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer presente en cada un de nós: mulleres e homes do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de épocas anteriores ou vindeiras.

Esta festividade está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba simbolicamente sinalado o camiño e construída a ponte, entre terra e ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.

Hoxe, nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un "ascenso", unha "Ascensión", senón un "descenso", unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por mediación do Xesús ascendido ós "ceos", é dicir, ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo do que será a nosa, baixa o "Espírito" de Deus onda nós. Un "Espírito" que fica xa para sempre onda nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está connosco e estarao sempre mentres haxa mundo. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De modo que se é verdade que hai Ascensión de Xesús ós ceos, non hai Ascensión do Espírito Santo. El permanece no corazón mesmo de cada un de nós e de toda a humanidade e connosco quere estar como en casa propia.

Deste xeito, o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús estivo connosco. Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós por Xesús e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa "Ascensión", que el, é dicir Xesús, "estará sempre connosco ata a fin do mundo". E se Xesús é a imaxe ou o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo vén sendo a presenza invisíbel, pero viva e actuante, no mundo enteiro deica a fin dos tempos do Xesús ascendido ós ceos.

Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, como o "ruído dun forte golpe de vento" que o enche todo, e como "linguas de lume" que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre así unha transformación fonda nos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos "cheos do Espírito Santo". De tal maneira que son capaces de se daren a entender por tódolos que os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.

Tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai falla ós cristiáns é ese sentírmonos "enchidos do Espírito Santo", tal como ocorreu cos apóstolos na primeira Pentecoste. Un sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para o anuncio da mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Anuncio que se realiza coas palabras, aínda que cos feitos mellor, porque, no fin de contas, as palabras sen os feitos non son máis ca un oco baleiro.

De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban "das grandezas de Deus". Eles sentían en si mesmos o "grande" que era ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito.

Por iso, é hoxe sobre todo un día no que sería bo repetirmos, individual e comunitariamente, aquela petición que a "Secuencia" formula deste xeito: "Vén, Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis..."

Cumpriría concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa "grandeza" (aquela da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina. Por ser tal, actúa o Espírito de Deus en nós non só coma vento forte, senón tamén como brisa ou alento suave que nos dá paz e alegría. Así o expresa ou simboliza o evanxeo de Xoán cando nel se nos di que o Xesús resucitado despois de lles dar a paz ós discípulos, "alentou sobre eles", dicíndolles: "Recibide o Espírito Santo".

Un "alento" que liberará os discípulos dos seus "des-alentos" e medos para anunciaren con afouteza a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois, forte e maino, ó que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza das persoas, culturas e linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide tamén hoxe en día o papa Francisco, para que xentes e pobos poidan así chegar ó coñecemento das grandezas de Deus.

Sobre esta festa de Pentecoste lin hai algún tempo o seguinte: "Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Porén, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada".

Pois ben, para convertérmonos en fervorosos devotos deste Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza agarimosa en nós e en cantos nos arrodean, pidámoslle a el mesmo que nos mande a súa luz transformadora.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES