Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os pombos tamén se randean

jueves, 02 de junio de 2022
Neste máis ou menos florido tempo no que a primavera tenta atopar o seu sitio tralo paso do inverno son na contorna en que vivo moitos e variados os comportamentos dos seres vivos que é posíbel presenciar. Aguzarmos vista e ouvidos pra, se a sorte é boa, detectar algúns deles é sempre un fino agasallo da natureza pra o noso contento.

Hai uns dias, pouco antes de que o sol se deitara paseniñamente moi lonxe, alén do ben chantado fielato vigués das Cíes, paseino ben cunha inesperada festa que os pombos (columba palumbus) amigos organizaron pra o meu alborozo. Estaba eu a unha discreta distancia sen que eles, plenamente dedicados ó seu xogo e traballo, puidesen detectar a miña presenza.

Como non estou a fantasiar, índico ó lector amigo o lugar aproximado (por se algún outro quere probar a ter sorte semellante á miña): non lonxe do veciño porto de Guixar, na estreita rúa Santo Ignacio e á beira mesmo do chamado “Centro Gárate”, onda o colexio vigués dos xesuítas, medran varios frondosos sabugueiros (sambucus nigra) apegados ó muro que bordea a estreita rúa, non apta xa aquí (a Deus grazas!) pra o tráfico rodado. Nestes dias están eses sabugueiros en plena floración, aínda que nalgunhas das súas pólas xurdiron xa as bagas de cor púrpura tirando a negro.

Todo indica que foron estas apetitosas bagas as que case facían tolear ós pombos. Pois todos eles (sete ou oito voluminosos pombos ou torcazas nun espazo relativamente pequeno!) estaban teimosamente concentrados nas bambeantes gallas dos sabugueiros coas bagas madurecidas, a punto de caramelo... Nada dos arredores lles interesaba. Todo era un rebulir, un subir e baixar das febles gallas dos sabugueiros ante o peso de aves tan fermosas, só algo diminuído polo bater das súas ás. Ben se pode dicir que os pombos se randeaban nelas case como faciamos de rapaces naquelas randeeiras que construïamos nas pólas baixas dos carballos.

Pensaba eu na proximidade do comportamento destas criaturas ó noso propio comportamento. Rodéannos a eles e a nós unha mesma aura, un mesmo estilo, un mesmo ou similar misterio? Tendo a pensar que si. Canto ben nos faría volvérmonos achegar respectuosamente ós modos de nacer, de vivir e de se comportar de tanto ser vivo, coñecido ou por coñecer! Pola miña parte, levo desde cativo na alma e nas máis íntimas vivencias os modos de os pombos viviren e construíren os seus niños con escasos ou parcos garabullos que nos permitían incluso sabermos, sen os ollar dende arriba, que neles non había máis ca dous fermosos ovos (brancos e inmaculados!). O seu triple canto lonxano (ghu ghu ghu...!) quedou tamén pra sempre prendido no reservorio do meu espírito.

Porén, ata agora endexamais os vira randearse dese xeito á procura do saboroso néctar das bagas do sabugueiros, quizais porque naqueles tempos eran eles loxicamente máis cautelosos en achegarse a nós. Devotos si que eran eles, en troques, das landras dos nosos señoriais carballos. Lembro agora o relato dun amigo da infancia en relación con isto: tivo el a sorte (pra o pombo e mais pra el) de observar en directo a innata afección deles ás landras. Un bo día atopou el un deles estrañamente pousado no chan ante a súa proximidade, sen el levantar o voo. Estaba el nun nada doado transo, non sendo el quen de enviar a landra. Menos mal que nun determinado intre a landra deixou de se lle atragoar na gorxa e o pombo acadou por fin voar feliz cara á liberdade.

Mais volvendo de novo ós seus amigos, os sabugueiros, veñen ser estes pra min cousa en certo modo sagrada non só por seren eles considerados, na nosa cultura tradicional, como árbores “benditas” (de aí tamén o seu nome de “bieiteiros”) senón tamén por estaren no meu caso concreto vencellados ó meu lugar de nacemento, a estradense parroquia de Sabucedo, lugar xa que logo de sabugueiros, onde en tempos anteriores era aínda relativamente abondoso este sagrado arbusto. Formaba ademais tamén parte da vexetación existente á beira mesmo da miña casa natal. Con anacos das súas pólas faciamos de rapaces o cichote, xoguete que tanto servía pra cichar auga como pra con el disparar ó ar coa técnica do aire comprimido uvas de loureiro (alí tamén ben presente).

Polo demais, que o nome “Sabucedo” tiña que ver cos sabugueiros sabíano ben xa aqueles foráneos de lingua castelá que hai séculos se introduciran en Galicia coa finalidade, entre outras, de nos inculturar cos seus costumes e coa súa lingua. Tan indixentes polo visto eramos!... E así se explicaría que a finais do século XVI (no ano 1589) se lle ocorrese ó devoto arcebispo de Santiago Juan de Sanclemente Torquemada, orixinario de Córdoba, deixar constancia escrita do nome da miña parroquia de Sabucedo, mais converténdoo no pra el máis elegante nome de “S. Lorenzo de Sauquedo”...

Pois non, ilustre señor arcebispo, o nome da miña parroquia natal non era nin é ese que vostede indica, senón estoutro: “San Lourenzo de Sabucedo”!!! E espero que a cousa siga así ata o final dos tempos, é dicir, “per saecula saeculorum” (pra que vostede me entenda)...

Se non, ata os mesmos pombos se lle enfrontarían!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES