Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

''Aí vén o maio...

martes, 31 de mayo de 2022
... de flores cuberto". Versos do estremecedor poema de Curros Enríquez. Na voz de Luis Emilio Batallán, o autor dun dos álbums máis fermosos. "Ahí ven o maio", o seu primeiro, portentoso traballo con letras de Cunqueiro, Curros, Celso E. Ferreiro, Cabanillas, Rosalía. Vén, vaise o mes imparable no lombo destes versos de fondo contido social.

Chega maio, como acostuma, cuberto de flores. Malgasto infindo de margaridas e carabeis. Explosión de floriñas ventureiras. Arrincando o arrecendo da terra, chuchando flores das cores.

Vén maio na descoñecida figura para a xente de Florencio Delgado Gurriarán, poeta exilado con versos e poemas aos que convén asomarse despois da celebración gozosa do Días das Letras Galegas.

Chegou, vaise este maio na martirizada Ucraína: unha eclosión de pólvora e flores estes días na agresión absurda, incomprensible do matonismo armado ao que ningunha dor, tantas mortes e destrución semella frear.

Aí vén o maio cuberto coa gloria do sol na herba, pintando de verde as cores máis verdes de todas as verdes nas pradarías galegas vixiadas pola intelixencia rumiante das vacas con nome propio.

Vén maio cos birrios navegantes de todos os ventos. Chega nas ás das escuras andoriñas na busca do seu balcón. Elas, eles, vertixinosos viaxeiros, cada primavera máis escasos. Polo cambio climático. Pola falta de insectos. Todo conspira para expulsalos da nosa veciñanza. E iso que sabemos da súa contribución a sáude dos ecosistemas que terman de nós.

Chegou, vaise maio abrindo de par en par as costuras da terra para iniciar un novo ciclo na epopea anual da vida.

Maio infinito, maio efémero coas últimas lecturas. ‘Nus’ de M. Gago, ‘Coidadora’ de Mª Marco, ‘Unha nova Olanda’ de A. Baamonde, ‘Soamente unha vez’ de J. Mondelo. Co prematuro adeus do autor de ‘A praia dos afogados’, ‘Ollos de auga’, ‘O ultimo barco’. O noso Domingo Villar vén de emprender a última viaxe polos camiños do mar de Vigo.

Aí vén o maio cos ceos máis brancos, máis malvas, máis dourados, máis grises, máis azuis, lenzos para a exposición das esculturas efémeras das nubes.

Vén, vaise maio na danza anual de meses e estacións que agasallan co arrecendo da terra mollada, da herba cortada, do ar limpo e fresco.

Veu e foise este 17 de maio con milleiros de persoas reclamando na rúa poder estudar, traballar, amar, ler, soñar, escribir. E vivir en galego. E iso pasa pola reivindicación nas rúas e polo compromiso dos gobernos.

Aí vén e canta o maio das infinitas Corais e Bandas na terra da música. Gravando na cera sonora da memoria as mellores creacións do folklore, en gaélico saber popular. Soará outra vez ‘?Negra sombra' de Rosalía e Xoán Montes. E sempre, ao final, o Himno galego, sementeira de bos e xenerosos. No País dos Maios. No Fogar de Breogán.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES