Falade galego
Editorial - jueves, 09 de octubre de 2008
No máis céntrico da Coruña ten monumento solemne Curros, o que pedía ás meniñas coruñesas que falasen galego, deixando "de Castela os duros acentos.
Como queira que no Bierzo a chamada Galicia irredenta está medrando a utilización do galego, parece que nesa zona de Castela-León se escoita a antiga chamada e son máis de corenta mil persoas as que utilizan o idioma galego na súa vida diaria, e nos sete anos que leva impartíndose o galego nos centros educativos o numero de estudiantes multiplicouse por seis.
Só falta que aquí, dentro de Galicia, se nos ocorra utilizar o idioma a cotío e especialmente nos días e actos sinalados. Xa non digamos por parte dos que ocupan cargos públicos porque o seu comportamento pode servir e serve de exemplo para todos os demáis.
Por eso, chama a atención a badalada de hai uns días no Parlamento Galego, no sentido de pedir ós alcaldes que utilicen o noso idioma nos actos públicos. O mesmo piden para os alcaldes de alcaldes, os presidentes das deputacións provinciais de Galicia. PSOE e Bng aprobaron esta proposición non de Lei, non sumándose o Partido Popular a este acordo polo presunto tono imperativo ou impositivo da proposición.
No tono que sexa, hai que entender que o Parlamento ten o dereito de dirixirse a calquera autoridade ou institución de Galicia para suxerir, pedir, recomendar calquera cuestión, mesmo a do uso do idioma.
É pena que teña que efectuarse esta petición. Pero facela está ben. Como estará ben que calquera outra persoa ou institución poida dirixirse a calquera galego para que promova o idioma na súa vida apública. Mesmo poderían dirixirse ós señores deputados do parlamento de Galicia para que o empreguen dentro e fora da institución, nos pasillos e nas xuntanzas, e ata na mesma cafeteria da institución que é onde máis pode relaxarse a disciplina idiomática dos membros da Cámara.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora