Palabras que abouxan
Cabada Castro, Manuel - jueves, 26 de mayo de 2022
As palabras que me falan
non sempre o fan cal papoula,
lapa vermella entre trigos:
solitaria e esplendorosa.
Haivos moito falador
dende o ruído e o non saber.
Ben querería eu fuxir
de tal leria e insensatez.
A palabra de verdade
xorde sempre do silencio:
fontenla onde agroma amor
e tamén o pensamento.
Es aínda ti capaz
de atender o son infindo
das galaxias do universo
querendo intimar contigo?
Évos así o silencio
o primeiriño a escoitar.
Ao lixo os altofalantes!
Non veñen en son de paz.
Só tentan enxordecerte
para a si mesmos se ouvir.
Monólogo puro e duro,
que adula o propio sentir.
De palabras coma pedras
fuxe, poeta, sen pausa.
Loa o orballo da noite
que cae onda a túa casa.
Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora