Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Letras de Florencio Delgado Gurriarán (I)

jueves, 02 de junio de 2022
Este ano tocoulle a festa a Florencio Delgado Gurriarán, un poeta valdeorrés, republicano e galeguista, como o definiu o seu familiar e primeiro biógrafo, Ricardo Gurriarán en 1.999.

O home que se licenciou en Dereito, que se afiliou ás Irmandades da Fala, ao Partido Nacionalista Republicano de Ourense, que ingresa no Partido Galeguista en 1933 e que en 1934 coñece a Castelao. Ten que fuxir despois do golpe de estado, pasando mil vicisitudes ata exiliarse en México en 1939. Un fato de galeguistas arribaron alí, crearon o Ateneo de Galicia e a Irmandade Galeguista, poñen en marcha o grupo Saudade coa edición da revista deste nome. Sacan do prelo en 1943 o Cancioneiro de loita galega (cun fondo significado político) baixo a responsabilidade do PG e o coidado editorial de Florencio Delgado Gurriarán; un libro que recollía un monllo de poemas que homenaxeaban aos galeguistas asasinados pola barbarie franquista.

No plano da unidade política destaca a constitución da Alianza Nazonal-Galega (1943) e o seu órgano de expresión Galicia. Nesta iniciativa estaban o Partido Galeguista e todos os partidos estatais con presenza en Galicia. FDG foi un dos fundadores do Padroado da Cultura Galega de México.

A vida de Delgado Gurriarán, a súa obra literaria e a súa actividade cultural e política van xunguidas, de tal forma que case non podemos separalas. El mantén activo o seu compromiso político, vinculado a Castelao e ao Consello de Galiza, sen perder o contacto cos galeguistas do interior. Dise del que foi como un cemento, un eixo vertebrador, que uniu as forzas da galeguidade no exilio e puxo en pé, co seu empeño, as organizacións que foron posibles naquel lado do mar, onde exerceu a representación de Galicia en entidades como o Galeusca de México, por exemplo. Un galeguista de esquerdas que foi quen de traballar man con man co resto da franxa política no exilio. Un habitante da Galicia infinda, na sentimental, condenado ao desarraigo por ter defendido a Galicia, en verbas de Cidrás Escáneo.

A súa é unha biografía exemplar, segundo Alonso Montero, pola maneira que tivo de traballar na Terra, na guerra e no exilio, por ese percorrido modélico dende o punto de vista ético, cívico e político.

O poeta que escribiu o seu primeiro canto á terra e a natureza, situándose con Bebedeira (1934) na vangarda, seguindo a liña do hilozoísmo de Amado Carballo. Máis tarde, xa no exilio mexicano, traballáraa co emprego de verbas do náhualt en diálogo co galego practicando o que el chamou poesía crioula ou poemas mexicanos. Este fusión entre as dúas linguas, este préstamo de léxico das linguas precolombinas lémbranos ao Avilés de Taramancos de Cantos caucanos.

Máis tarde, na súa obra literaria adquire relevancia a poesía social. Colabora en varias revistas galegas publicadas en América, especialmente en Vieiros e Saudade.

En 1946, preséntase a un concurso de traducións de poemas ingleses e franceses ao galego, organizado pola Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires; gaña o certame xunto a Luís Tobío e Plácido R. Castro, e van ver publicados os seus poemas en 1949. Segundo FDG, traducir é universalizar a nosa lingua, pois "os aires de fóra limpan, refrescan, renovan. A voz de Galicia ten que se ouvir no mundo e as do mundo en Galicia". E, da súa pluma chéganos ese poema de Whitman "Ouh Capitán! Meu capitán!" adicado a Castelao, aquel ao que tamén chama guieiro no seu derradeiro libro. Del é tamén unha versión de O cemiterio mariño de PaulValéry así como textos de Rimbaud, Verlaine, Mallarmé e outros.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES