Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Divagacións acerca das artes e as modas (II)

jueves, 26 de mayo de 2022
Na academia mídese o valor dunha investigación polas publicacións e polas citas que delas se derivan, ata hai quen se cita a si mesmo (ata a saciedade) porque entende que ninguén sabe máis diso que ela mesma, e pode ser, por que non? En arte, como medimos? Polo número de exposicións e onde elas se fan? (houbo quen pasou por Nova York pagando para expor nunha galería inmunda por ter ese marchamo), polas coleccións das que forma parte (houbo quen cedeu obra a embaixadas e organismos públicos por aparecer en salóns e despachos que eran fotografados ou visitados en datas sinaladas), houbo quen publicou pagando do seu peto a edición (incluso cando aparece no catálogo dunha editora)... Quen fixo a lei fixo a trampa, di a nosa sabedoría popular, e así descubrimos que nun momento no que as publicacións tiñan peso nos concursos e oposicións, en internet (e non só) apareceron editoras dispostas a transformar en libro o que fose a cambio das moedas correspondentes. Unha boa tese podería analizar eses tempos e eses produtos porque non imos pensar que algunha tese responda a este "mercadeo", ou si? Sinto dicir que non podemos estar seguros de case nada, porque eu coñecín (noutro país, do que andamos a copiar moita cousa) a un facedor de estudos de investigación... a el gustáballe investigar pero tiña que vivir, así que cando alguén quería ter o título de doutor ía a el, e el comentáballe en qué estaba interesado nese momento en relación ao campo do cliente, chegando a un acordo, no prezo estaba incluída a preparación para a defensa.

A min non deberían preocuparme estas cousas. En tempos de tolerancia seica cada un vai polo seu rego, sen mirar para os lados, sen preocuparnos a limpeza ou demarcación dos demais, cada un fai o que considera e só el é responsable das súas metas e as rutas que a elas os levaron. Non se debe xulgar dicían os que ían de hippies nunha época, logo, coa postmodernidade, dino todos. Polo tanto, o que cómpre é facerse cargo unicamente do propio, "ti fai como queiras, ninguén che xulga nin che critica, e así debes facer ti cos demais", un lema que di moito destes tempos, mira, sorrí e continúa, non es responsable máis ca do teu. Eu quixera que se lle dera unha volta a isto, que se reflexionara e que concluíramos igual que na busca do criminal, preguntándonos: quen sae ganando de todo isto? a quen beneficia?

Non esquezo (non podo por moitos esforzos que faga) o que levo visto, como nun momento determinado se lle concederon premios de primeira orde a obras que case ninguén lembra mentres que ían quedando no esquecemento outras moito mellores e, ás veces, de autores que xa non van poder recibir eses premios porque a morte chegou deseguida e xa sabemos... Nas artes plásticas os artistas mortos dan réditos respondendo a quen ten obra e busca a valoración da mesma que, sen posibilidade de que produza máis, aumentará en valor, pero na literatura isto é ao revés. O autor dálle valor cando aparece nos medios de comunicación, cando pode realizar encontros co lectorado e cando este desaparece, queda unicamente nas mans da academia, agardando un Día das Letras ou ao estudo dos investigadores pero xa fóra das canles ordinarias.

E, as Letras, son coma os fogos dos festexos, unha festa de luces e cor, pero cando rematan acabouse a celebración; é como o enterro definitivo, iso si, despois dunha misa maior, con cregos e músicos, con cantantes e órgano, procesións e bombas de palenque. Por iso, quero pararme nesta celebración (e fareino na entrada seguinte, pois aínda que xa pasara o día debemos manter o recordo).
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES